Saltar ao contido

Iago Martínez: “Volve demostrarse que as políticas culturais na Coruña están nunha provisionalidade sen fin, sen proxecto e cun constante cambio de responsables” 

Apoiamos a proposta para cambiarlle o nome ao recinto polo de Teatro María Casares, conmemorando en 2022 o centenario do nacemento da actriz coruñesa

A Marea Atlántica trasladou hoxe, no Consello Reitor do IMCE, o seu malestar e preocupación por que o Teatro Colón teña a praza de dirección sen cubrir desde o mes de abril, cando a súa anterior ocupante, Bettina Kohlhaas, foi nomeada directora da Área de Cultura tras a dimisión de Rómulo Sanjurjo. 

O noso vicevoceiro e representante no IMCE, Iago Martínez, pediu que se regularice a situación cando antes, e denunciou que “é o resultado da eterna provisionalidade na que se atopan as políticas culturais neste mandato, con constantes cambios de responsables, e cunha xestión errática e falta de proxecto”. O goberno local comprometeuse no Consello Reitor a sacar a concurso dirección do Colón antes de que remate o ano, unha promesa que fiscalizaremos. 

Doutra banda, apoiamos que este momento de cambios se aproveite para mudar a denominación do recinto pola de Teatro María Casares, como recoñecemento á figura da actriz coruñesa, que en 2022 conmemora o o centenario do seu nacemento. Foi unha proposta lanzada polo escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e sería un merecido recoñecemento a María Casares, que triunfou no exilio en Francia, e foi esquecida ata hai ben pouco na súa propia cidade, por culpa da censura franquista. Poñerlle o seu nome ao teatro sería facerlle xustiza. 

Os recortes do PRESCO deixaron ao IMCE sen recursos para asumir a programación cultural do PRESCO

Doutra banda, o Consello Reitor do IMCE aprobou hoxe, coa abstención da Marea Atlántica, un modificativo de crédito de 250.000 euros, necesario para poder organizar a programación cultural prevista no Presco 2021. Unha decisión que amosa o descontrol do goberno local nesta área, xa que previamente recortara 1,1 millóns no IMCE para aprobar o PRESCO, como xa denunciamos no seu día. 

 

“Queda demostrado que o recorte que se aplicou en cultura para aprobar o plan de choque de 2021 foi excesivo. É dicir, que os fondos que se retiraron do IMCE para dedicalos ao Presco fan agora imposible que o IMCE organice a actividade cultural prevista no Presco. Todo un absurdo”, resume Iago Martínez. 

O Teatro Colón, sen directora desde o mes de abril