Alberto Lema: “A empresa presentou un proxecto de saneamento para silenciar as propostas veciñais, pero é unha cortina de fume que deixa fora ás zonas máis afectadas”
A Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno da Deputación Provincial, na que reclama a urxente rexeneración ambiental da balsa de lodos tóxicos do río Portapego, unha das zonas máis contaminadas de Galicia, froito da acumulación de sedimentos da antiga mina de Touro e o Pino. Esta balsa sitúase no Lugar do Portaguzo, preto de Fonte Díaz, capital municipal de Touro, e non está incluída no plan de drenaxe presentado pola empresa Explotaciones Gallegas S.L o 30 de setembro.
Como denuncia Alberto Lema, voceiro provincial da Marea Atlántica, “este proxecto é só unha cortina de fume, un anuncio que pretende calar as protestas da veciñanza, pero que resulta insuficiente para rexenerar a zona afectada pola mina tras 30 anos de abandona”. E engade que “parece responder máis ás tentativas de reabrir a mina, por parte das empresas Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, que a unha verdadeira intención de sanear o río Portapego, afluente do Ulla”. Esta moción dálle continuidade á iniciativa que xa presentamos na Deputación o 1 de outubro, tras visitar a zona en setembro, e que resultou aprobada por maioría.
O informe da Sociedade Galega de Historia Natural, publicado en novembro de 2017, deixa ben claro os riscos e o impacto ambiental que tería o regreso da actividade mineira a Touro e O Pino. Por iso, volvemos reclamarlle a Explotaciones Gallegas, S.L. e á Xunta de Galicia que asuman a súa responsabilidade e rexeneren os terreos e regos fluviais afectados pola actividade mineira en varios quilómetros á redonda, con especial atención á perigosa balsa de Portaguzo.
Tres décadas de contaminación por metais pesados
A mina de Touro e O Pino foi unha explotación a ceo aberto de máis de 600 hectáreas, que permaneceu activa de 1970 a 1988, para a extracción de cobre e outros metais pesados. Pechouse sen ningún tipo de protección ambiental, deixando expostas grandes escombreiras con elevadas concentracións de cobre, ferro, cromo, níquel, chumbo e zinc, metais tóxicos todos eles. Á vista están as consecuencias deste modelo que defende o PP, baseado en venderlle os recursos naturais a empresas multinacionais que esnaquizan o territorio. Por iso agardamos que a nosa proposta reciba o apoio maioritario dos grupos da Deputación.