Saltar ao contido

A Marea Atlántica amosa o seu apoio e solidariedade coa concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, que será chamada a declarar este venres por unha artimaña do Partido Popular.

O que imos ver este venres, cando a concelleira de Participación, Claudia Delso, teña que acudir a declarar ao xulgado, é un caso de abuso da administración de Xustiza para facer campaña electoral por parte do PP. O partido máis corrupto de Europa non ten límites á hora de difamar. Vexamos os detalles:

  • Esta chamada a declarar debera terse producido o 1 de marzo. De ser así, o caso xa estaría arquivado, como ocorreu co do concurso de compra de vivenda.
  • O xulgado aceptara pospoñer a declaración ata xuño, para non influír nas eleccións. Porén, o PP recorreu de novo e non parou ata conseguir que se puxese no día máis propagandístico.
  • O que se investiga non é un máster nin unha trama de enchufes, é o resultado dun concurso público aberto no que nin un só euro cambiou de mans, e que tivo coma fin recuperar o cárcere da Torre para a veciñanza.
  • La Voz de Galicia, hoxe, minte. Claudia Delso non vai a xuízo, nin está formalmente acusada de nada. Irá ao xulgado, por fin, para dar a súa versión e expoñer a realidade ante a xuíza. Ata o de agora non puidera facelo, xa que a Fiscalía non se molestou en investigar, só trasladou tal cal a denuncia do PP.
  • O PP non ten remedio, compórtanse como o que son: a mafia. O que sorprende é o silencio cómplice doutras forzas que din situarse á esquerda. Non todo vale.
  • A Marea Atlántica amosa o seu total apoio ao traballo realizado por Claudia Delso, coa única intención de converter un edificio asociado coa represión nun espazo cidadán.

Unha vez máis, o PP vai coa mentira por diante, para conseguir o que non lle dan os votos. Esta denuncia, absolutamente infundada, agocha en realidade o seu rexeitamento ante todas aquelas políticas que traten de dar voz á veciñanza e que aposten pola apertura á xente de espazos que, para eles, tan só son unha oportunidade especulativa máis. O seu rexeitamento ao noso modelo de cidade.

Temos a seguridade en que o xulgado, unha vez rematadas as investigacións que considere pertinentes, poña no seu sitio as acusacións realizadas polo Partido Popular, que nun burdo intento de igualar á Marea Atlántica coas súas habituais prácticas irregulares nas administracións públicas, trata de facer crer que existe prevaricación nun procedemento de concorrencia competitiva e sen contraprestación económica limitado a entidades sen ánimo de lucro.

O PP xoga coa Xustiza para facer campaña electoral