O alcalde manifestou, tras un encontro coa asociación veciñal do barrio, que, ademais da posta en marcha do pavillón, o goberno local construirá un parque infantil na avenida da Concordia e remodelará o entorno de José María Hernánsaez

O alcalde da Coruña e candidato da Marea Atlántica á reelección, Xulio Ferreiro, visitou esta mañá o Castrillón e mantivo un encontro con representantes da asociación veciñal do barrio para facer balance do levado a cabo ao longo do mandato, así como comentar as necesidades da cidadanía da zona. “Nestes anos levamos a cabo numerosas iniciativas destinadas a mellorar o espazo público e, polo tanto, a calidade de vida das persoas que viven aquí”, dixo Ferreiro, quen recordou que será o goberno da Marea Atlántica o que dea resposta a unha histórica demanda do barrio, que é a de contar cun polideportivo público de calidade.

“Neste momento contamos xa co proxecto para poder levar a cabo toda a parte interior do polideportivo, que contará cunha zona de seco e cunha piscina. O goberno local incluíu no modificativo orzamentario que foi aprobado de forma inicial os cartos precisos para acometer este ano a licitación da obra, que se fará a través da Empresa Pública de Vivenda (Emvsa). Esta semana tratamos de axilizar os trámites a realizar no consello de administración de Emvsa pero, lamentablemente e unha vez máis, a oposición buscou unha escusa para non poder iniciar este procedemento”, comentou o candidato da Marea á Alcaldía da Coruña. “Buscaron unha escusa para poder evitar que a veciñanza do Castrillón vexa atendidas as súas necesidades”, dixo o rexedor, que recordou que o polideportivo foi unha promesa xa manifestada nos tempos nos que Paco Vázquez era alcalde da cidade co PSOE.

20190417_SGR_xulio_ferreiro_visita_castrillon_G88B3444“Unha vez máis trataron de poñer atrancos que prexudican á cidadanía, pero non imos parar. Volveremos levar este asunto a un novo consello de administración de Emvsa, agora co crédito xa habilitado e co proxecto de obra aprobado polos servizos municipais”, indicou. “Traballamos por conseguir que esta sexa unha cidade máis xusta, máis igualitaria e máis vivible. Así o fixemos todos estes anos e así o imos seguir facendo. Quen non quere facer cousas sempre atopa escusas para non facelas. Nós, cando vén un obstáculo, saltamos máis alto. Así imos continuar até o final do mandato e así imos seguir facéndoo os vindeiros catro anos”, dixo Ferreiro, a preguntas dos medios, tras unha reunión na que estivo presente Ramiro Otero, o presidente da Asociación Veciñal O Castrillón – Urbanización Soto IAR.

Nova área de xogos na praza da Concordia

Á marxe do polideportivo, o cabeza de cartel da Marea Atlántica tamén repasou actuacións no barrio iniciadas este mando e que culminarán no vindeiro. “O goberno local ten xa o proxecto listo para poder acometer un área infantil na praza da Concordia”, comentou. Cun orzamento que supera os 250.000 euros, a intención da Marea Atlántica é que esta actuación se poida licitar cando antes e que sexa sufragada con cargo aos remanentes municipais.

Ferreiro tamén indicou que o grupo de goberno traballa, do mesmo xeito, na remodelación do entorno da rúa José María Hernansáez. “O Concello adquiriu unha parcela privada nas últimas semanas. Estamos preparando un proxecto de urbanización co que a converteremos nun novo espazo público para o barrio, que ten que ir gañando espazos accesibles que dean respostas as súas necesidades”, dixo.