Saltar ao contido

“Non continuarei na corporación municipal o vindeiro mandato. Non cumprimos o obxectivo de revalidar a Alcaldía, e por iso creo consecuente deixar paso a outras persoas”

“Non vou lonxe. Quedo na Marea Atlántica, como un máis, activo, ofrecendo a miña experiencia e o meu traballo militante”

Intervención de Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, para anunciar a súa decisión de deixar a primeira liña política tras as eleccións municipais do 26 de maio de 2019. Reproducimos o texto íntegro.

Quero anunciarvos a miña decisión de non continuar na corporación municipal o vindeiro mandato e, polo tanto, de non tomar posesión da acta de concelleiro que me correspondería tralos resultados electorais do domingo.

As razóns desta decisión son tanto de carácter persoal como político. Sempre pensei que cando non se cumpren os obxectivos que un se pon, deben asumirse as responsabilidades e actuar en consecuencia. O obxectivo co que nos presentábamos a estas eleccións era o de revalidar a Alcaldía e liderar unha maioría de progreso nesta cidade. Este obxectivo non se cumpriu, polo tanto, creo que o consecuente é deixar paso a outra persoa ou persoas que podan poñerse á fronte, fixarse novas metas e situar á Marea Atlántica en condicións de disputar de novo a Alcaldía dentro de catro anos.

Agradezo todas as mensaxes de apoio recibidas estes días, moitas, e todas elas moi gratificantes. Tamén todas aquelas que me pedían que tomase unha decisión diferente a esta e que ficase. Porén, apreciándoas e entendendo todo o cariño que levan detrás, tomo esta decisión convencido de que ninguén, e menos eu, é imprescindíbel para un proxecto político como a Marea Atlántica, no que hai moita xente boa e xenerosa, e de que o Grupo Municipal que resulta é un magnífico grupo, humano, político e profesional. De todos xeitos non vou lonxe. Abandono a vida institucional e tamén a primeira liña política, pero quedo na Marea Atlántica, como un máis, activo, ofrecendo a miña experiencia e o meu traballo militante.

Tempo haberá para analizar as causas da derrota electoral. Aínda así, quería tanto agradecer ás 25.000 persoas que nos apoiaron o domingo pasado a súa confianza e o cariño trasladado, como pedir novamente desculpas a todas aquelas que se puideron sentir defraudadas ou desilusionadas con este goberno municipal e comigo como alcalde. Que saiban que sempre tentamos facer o mellor para a nosa cidade, que traballamos moi duro e que non nos desviamos nin un só centímetro do camiño que consideramos correcto.

Creo sinceramente que A Coruña é hoxe unha cidade mellor que hai catro anos. Unha cidade máis sostible e que contamina menos, unha cidade que reduciu bolsas de pobreza, unha cidade que crea máis emprego e máis riqueza, cun aeroporto que medra máis cada ano, unha cidade cunha vida cultural máis intensa, cun sector turístico máis forte, onde xa se fixo normal que os veciños e veciñas podan participar directamente na vida pública. Nestes catro anos saneamos as contas municipais, melloramos os dereitos laborais, tanto do funcionariado, como nas contratas, e salvamos ao Concello da bancarrota, grazas a ter atopado unha solución ao edificio da antiga sede de Fenosa. Captamos 25 millóns de euros en fondos europeos, que o novo goberno terá que executar, e deixamos preparados novos proxectos para vindeiras convocatorias, con moitas posibilidades de que se vexan financiados de novo. Abrimos dous novos barrios á cidade, San Roque de Fóra e Ofimático e deixamos en marcha dous proxectos moi demandados: a Piscina do Castrillón e o derrubo do Viaduto da Rolda de Nelle.

Todo isto nun mandato que foi moi difícil, extremadamente difícil. Foi difícil gobernar en minoría, foi difícil xestionar unha administración local rexida por normas inxustas e por déficits estruturais de persoal, foi difícil establecer alianzas con outras administracións —agás algunha excepcións— foi difícil aturar as campañas de desprestixio, algunhas das cales afectaron as nosas vidas persoais. Tería sido máis doado admitir algunha presión ou tomar algún atallo, pero entendemos necesario, por dignidade e por limpeza democrática non ceder, aceptando as consecuencias.

Evidentemente, non foi abondo. De nada serve pensar en que terían cambiado as cousas sen as eleccións xerais polo medio. O noso deber era ofrecer resultados tanxíbeis e indiscutíbeis a final de mandato que nos fixesen resistir calquera embate, e por razóns múltiples, non chegamos. Gobernamos pensando nas seguintes xeracións, pero deberíamos tamén ter pensado máis en que as regras do xogo electoral non se cambian en catro anos.

En todo caso, foi marabilloso ser alcalde da Coruña durante estes catro anos. Houbo momentos duros, pero quedan apagados pola paixón coa que vivín o reto de tentar mellorar a vida dos meus conveciños e de coordinar un goberno de xente boa, honrada e traballadora, e por todo o respecto e cariño recibido estes anos. Podo dicir hoxe que aínda quero máis á miña cidade que cando comecei. Porque a coñezo máis, coas súas virtudes e o seus defectos, poucos, tamén a admiro máis. Admiro a súa diversidade, o seu vangardismo, admiro a cantidade de xente boa que hai traballando polos demais, á cantidade de xente honrada que tira do carro todos os días dende os seus negocios e os seus postos de traballo. A solidariedade e a comunidade que existe en moitos dos seus barrios. Temos unha das mellores cidades do mundo, e foi unha honra servila dende a Alcaldía estes catro anos.

Finalmente, quero agradecer o cariño e a axuda recibida nestes anos. En primeiro lugar, a do Goberno municipal saínte, 9 persoas ás que practicamente non coñecía e que hoxe podo dicir que son amigos e amigas para o resto das nosas vidas. Estender este agradecemento a todo o persoal eventual e direccións de Área que formaron parte do equipo estes anos. Un equipo excepcional, co que foi un orgullo traballar. Sei que destes todo o que tiñades dentro e que contribuístes a facer da Coruña un lugar mellor.

Tamén a todo o persoal municipal, que realiza un labor en defensa do servizo público e da cidadanía, e onde que atopei colaboradores leais durante estes anos. Particularmente naqueles que traballaron máis preto de min. Os directores de área que traballaron directamente comigo, e dos funcionarios e funcionarias que dependeron directamente de min. Agardo que sentírades apoio e respecto no voso desempeño profesional. Esa foi sempre a miña intención. Eu dende logo, moi agradecido.

A todo o equipo de Alcaldía. Foi un orgullo compartir estes catro anos, as risas, as preocupacións, os sobresaltos. Ides ocupar un lugar moi importante para sempre no meu corazón.

E xa está. Dicía hai catro anos: “como xente do común entramos, como xente do común marcharemos”. Emocióname pensar que tamén vou cumprir con este compromiso. Marcho sendo en esencia o mesmo que entrou. Co mesmo patrimonio, coas mesmas amizades e cos mesmos costumes que tiña hai catro anos. Agora descansarei uns meses e despois reincorporareime ao meu posto na Universidade da Coruña.

Xulio Ferreiro anuncia que deixa a primeira liña política