A voceira do Partido Popular , Rosa Gallego, descualificou ao artista Pepe Barro por motivos ideolóxicos e desprezou a loita polos dereitos laborais
O PP volveu a amosar hoxe a súa cara máis reaccionaria, ao criticar de forma pública e ostentosa unha exposición posta en marcha polo Concello con motivo do 1º de Maio. A voceira municipal do Partido Popular, Rosa Gallego, atacou ao autor da mostra, Pepe Barro, de recoñecida traxectoria, só por ser asinante do manifesto da Marea Atlántica. Semella que que a señora Gallego cre que un artista non pode ser contratado por unha institución pública en base as súas preferencias ou simpatías políticas.
Talvez non recorde a señora Gallego o artigo 16 da Constitución do Estado español, texto ao que o seu partido di ter en alta estima, e que indica que se debe garantir a liberdade ideolóxica. Estase convertendo en tristemente habitual que o PP coruñés, e en concreto a súa portavoz, ataquen ao colectivo de artistas de xeito continuado. Na Deputación da Coruña xa puidemos ver como votan en contra de programas pensados precisamente para axudar ao desenvolvemento de autoras e autores noveis.
Ataque ao sindicalismo
Por outro lado, a exposición de Pepe Barro, titulada A Forza Necesaria é unha retrospectiva do movemento sindical da Coruña e a súa histórica traxectoria na loita polos dereitos laborais da veciñanza desta cidade. A mostra contou coa colaboración de distintas entidades, tales como a Fundación 10 de Marzo, a Fundación Luís Tilve, a Fundación Moncho Reboiras, a Unión Anarcosindicalista da Coruña e o Proxecto Nomes e Voces.
O PP, e Rosa Gallego, están atacando a estas entidades cando tildan a esta exposición de “sectaria”. Atacan, sen ambaxes, ás entidades sindicais, que tanto fixeron por esta cidade e pola nosa veciñanza, é deixan ver, unha vez máis, a cara dun partido que está concibido para beneficiar a uns poucos en detrimentos de moitos. Un partido que denosta aos e ás traballadoras, e polo tanto tamén ás súas representantes, con normativas que favorecen o abaratamento do despido ou a aplicación de expedientes de regulación de emprego por parte de grandes empresas aínda dando beneficios.
Por todo isto entendemos que o PP e a señora Gallego deberían disculparse publicamente antes os sindicatos e ante o colectivo artístico, pois as súas palabras son moi graves.
Datos falsos
Por último, ao fío, destacar que nin tan sequera está atinado na súa denuncia. O autor da mostra Pepe Barro non percibiu 33.500 euros pola mesma. Ademais de remunerar ao autor intelectual, nunha exposición interveñen moitos máis actores: maquetación de textos, impresións, paneis expositivos, seguridade xa que é ao aire libre… Detalles que a señora Gallego coñece perfectamente, pero prefire obviar.