Saltar ao contido

O Partido Popular abstívose na votación deste plan no Consello de Administración de Emalcsa e quixo sementar dúbidas sobre a necesidade de destinar 120.000 euros para axudas urxentes

O ano pasado, A Flote serviu para que 312 persoas evitasen ser desafiuzadas ou atopasen unha nova vivenda. Foi renovado igualmente, pese a estratexia dos populares

No Consello de Administración de Emalcsa, o PP tentou sementar dúbidas e bloquear o traspaso de fondos ao programa A Flote, da Fundación Emalcsa, que se destina a darlle asistencia urxente a persoas que non poden agardar por outro tipo de axudas, principalmente en casos de desafiuzamento. Todo lle vale ao Partido Popular para criticar ao goberno municipal da Coruña, aínda que para iso teña que deixar atrás as persoas que peor o están a pasar.

Os representantes do Partido Popular, Rosa Gallego, Martín Fernández Prado e Roberto Coira, abstivéronse na votación deste programa de xustiza social, dotado con 120.000 euros, e aprobado co apoio do resto dos grupos. Alegaron que non entra dentro das competencias da Fundación Emalcsa. Non só é falso, senón que revela graves síntomas de desmemoria interesada.

Foi o PP, en 2011, quen empregou a súa maioría absoluta para crear a Fundación Emalcsa, “ao servizo de fins de interese xeral nos ámbitos dos asuntos sociais, deporte, cultura, educación e desenvolvemento económico e urbano”, segundo din literalmente os seus estatutos. Nese eido están programas como Deporte Solidario, tamén posto en marcha polo PP e financiado do mesmo xeito que A Flote.

 

Ao PP non lle doeu destinar 800.000 euros a Coruña Futura

Cómpre lembrar tamén que os estatutos da Fundación Emalcsa sinalan que un dos seus fins é a “promoción da igualdade de oportunidades e da integración social e laboral da poboación en xeral e especialmente das persoas e colectivos que poidan sufrir discriminación”.

Nunca antes tivera o Partido Popular cargo de conciencia cos “fins sociais” da Fundación Emalcsa. Nada lle pesou empregala para destinar 800.000 euros ao proxecto Coruña Futura, unha cortina de fume que en nada serviu para mellorar a vida da veciñanza.

Pero si teñen agora dúbidas, á hora de empregar 120.000 euros en combater a exclusión social. O PP é un partido que se basea en enriquecer a uns poucos e empobrecer a moitos. Demóstrao con cada unha das súas decisións e movementos políticos.

 

Cando a axuda non pode agardar

O programa A Flote foi creado polo goberno da Marea Atlántica en 2016. Ten como meta reforzar os servizos sociais e actuar de xeito rápido e puntual naqueles casos onde o tempo marca a diferenza. O ano pasado estivo dotado con 82.981 euros, que axudaron a 78 familias que estaban en risco de quedar sen fogar. Grazas a iso, puideron evitar un desafiuzamento ou ben pagar os primeiros meses de alugueiro dunha nova vivenda logo de perder a anterior.

En total, 312 persoas evitaron irse á rúa. A isto é ao que lle está a poñer reparos o PP, un partido que gusta de absterse de toda consideración ética.

O PP tenta bloquear o programa ‘A Flote’, que xa evitou que 78 familias quedasen sen fogar