Pese á redución de fondos, o goberno municipal poderá seguir desenvolvendo o seu proxecto político, dirixido á maioría social
O Pleno do Concello da Coruña, celebrado o 8 de maio, deulle a aprobación definitiva aos Orzamentos municipais para este ano 2017. Saen, por fin, adiante as contas que permitirán seguir avanzando nas políticas que fan da Coruña unha cidade mellor para vivir, pero non saen intactas. PP e PSOE introduciron reclamacións que recurtan 7,3 millóns de euros.
Foi o último paso dun proceso no que a oposición puxo todas as trabas posibles, que requiriu que o alcalde se sometera a unha moción de confianza e no que ata o ultimo momento se introduciron atrancos, sobre todo por parte do Partido Popular. No último momento, un acordo co PSOE permitiu limitar o impacto desta redución de última hora, que podería ter sido peor.
En concreto, os recortes nos orzamentos inclúen:
- Mingua de 4 millóns pola anulación da previsión de dividendos de Emalcsa (obrigada polo PP).
- Redución de 1,6 millóns de euros na previsión de ingresos de varios tributos.
- Aumento de máis de 1,6 millóns gasto previsto para pagar as facturas da Compañía de Tranvías.
Mantéñense os eixos centrais dos Orzamentos
O grupo da Marea Atlántica optou por absterse para permitir estas mudanzas, respectando o pacto ao que chegara co PSOE e evitando así maiores alteracións dos orzamentos. Como explicou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, a pesar da mingua nos fondos dispoñibles, “o goberno municipal poderá seguir adiante cos seus proxectos. Traballaremos para facer efectivo o dereito á vivenda, mellorar a calidade do espazo público e garantir o dereito ao emprego e a unha vida digna, e poñeremos as bases para a creación da Área Metropolitana”.
Ademais, no pleno ordinario de maio tamén remataron os trámites necesarios para modificar o plan xeral para permitir a creación dunha residencia universitaria pública no edificio Calvo Sotelo, colaborando coa Deputación da Coruña. E, do mesmo xeito, aprobouse outra modificación puntual do PXOM para mellorar os equipamentos deportivos na cidade e ampliar o solo industrial no Polígono de Agrela.
Moción en defensa da autonomía local
O grupo da Marea Atlántica levou dúas mocións a esta sesión plenaria, e as dúas foron apoiadas por todas as formacións políticas do consistorio agás o PP. A primeira, insta a retirar as normas-trampa que o Goberno de Mariano Rajoy introduciu nos Orzamentos Xerais do Estado para roubar autonomía aos Concellos e bloquear a recuperación de servizos privatizados. O PP bloquea as remunicipalizacións para favorecer os intereses de empresas amigas, que teñen rematado en casos de corrupción tan notorios como as operacións Gürtel, Pokemou ou Zeta, por falar só das que teñen un pé en Galicia.
A segunda moción, pola súa banda, defendía o aeroporto de Alvedro do trato inxusto de AENA. Reclama que se corrixa á alza a previsión de tráfico para a terminal coruñesa no Documento de Regulación Aeroportuaria 2017-2020, definitorio para o reparto de fondos e investimentos estatais nesta. “Solicitamos tamén que se dote a Alvedro, á maior brevidade posible, dun sistema de axuda á aterraxe que poña freo á elevada taxa de desvíos que existe na actualidade por esta cuestión”, destacou o concelleiro de Emprego, Alberto Lema.