A iniciativa que se presenta no Pleno Ordinario do 3 de outubro, lembra que existen informes da Intervención e a Asesoría Xurídica que desaconsellan asumir o sobrecusto
O grupo municipal da Marea Atlántica presentará no vindeiro Pleno Ordinario, o xoves 3 de outubro, unha moción na que insta ao goberno local a esgotar todas as vías legais antes de asumir o pago extra de 1,6 millóns de euros polas obras de urbanización do Parrote. Este mes coñeceuse unha sentenza contraria aos intereses do Concello, pero contra esa sentenza cabe recurso e así debería actuar o goberno, en defensa do interese xeral.
Como se indica na moción, a obra “deseñada polo goberno do Partido Popular e executada pola APAC” presentaba “irregularidades no procedemento”. No anterior mandato, tanto a Intervención como a Asesoría Xurídica municipais emitiron informes contrarios a que o Concello asumira este pago, a maiores dos máis de 10,5 millóns que xa abonara polos traballos do Parrote e a Mariña. Obras que, ademais, se realizaron no dominio público portuario.
Hai argumentos legais para o recurso
“Os servizos municipais entenderon que a Autoridade Portuaria non acreditara debidamente os gastos adicionais, nin achegara todos os documentos esixidos pola Lei de Subvencións, pois non existían nin certificación de obra, nin xustificante de pago ao contratista, nin factura”, di a moción. Estes informes seguen vixentes, e son abondo para xustificar que continúe o litixio.
Finalmente, a moción “insta ao goberno municipal a solicitar ao Ministerio de Fomento, a Portos do Estado e á Autoridade Portuaria da Coruña a cesión dos terreos da Mariña e o Parrote, desafectados no ano 1999 do dominio público Portuario”.