Procuraremos o acordo de toda a Corporación Municipal ante a emerxencia industrial que se vive en toda Galicia, e en apoio ao dereito á manifestación e á mobilización social
O grupo municipal da Marea Atlántica proporalle ao resto dos grupos da Corporación que no vindeiro Pleno, este xoves 3 de outubro, se aprobe unha declaración institucional en defensa do emprego industrial, ante a emerxencia que está a vivir o sector na área metropolitana da Coruña e en toda Galicia, e en apoio aos traballadores da fábrica de aluminios da Grela, acusados de atentado contra a autoridade por participar nunha manifestación en Madrid en defensa do seu futuro laboral.
Deste xeito, procuraremos que o Concello da Coruña recolla a idea de actuar ante a “emerxencia industrial”, tal e como veñen de propoñer 25 municipios da provincia, na procura dunha saída de futuro, sostible e xusta. Esta emerxencia é ben visible no caso de Alcoa (agora Aluiberia), que conseguiu unha solución parcial grazas á protesta na rúa, pero tamén en Isowat, a piques de pechar ante a inacción da Xunta; Poligal, ou as centrais térmicas de As Pontes e Meirama e as súas actividades auxiliares. Tamén, no sector terciario e das comunicacións, en empresas como R ou Atento.
Ante esta grave situación, a proposta de declaración institucional convida a “superar a lóxica da confrontación e buscar que todas as institucións colaboren para evitar a desertización industrial da nosa área metropolitana, especialmente aquelas con competencias na materia: a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado”.
Apoio aos traballadores, deputados e deputadas investigadas por participar nunha manifestación
No mesmo sentido, convidamos a Corporación Municipal da Coruña a facer unha defensa do dereito á manifestación e “acompañar as traballadoras e os traballadores afectados na súa mobilización social”. Para que non se repitan casos como a investigación de tres traballadores da fábrica de aluminios da Coruña, o responsable da Federación de Industria de Comisións Obreiras, así como deputados e deputadas de Galicia en Común por participar nunha manifestación en defensa do emprego nas factorías de Alcoa en Galicia e Asturias.