Saltar ao contido
Marea Atlántica | Plataforma Municipalista da Coruña

Os votos da Marea Atlántica permitiron aprobar hoxe o modificativo de crédito que soluciona os atrasos no pago da Renda Social,  que afectaron a ducias de fogares

Grazas a una emenda do noso grupo municipal, destinaranse 62.000 euros a obras de mellora nos centros educativos públicos Arela e San Francisco Xavier

O Pleno Extraordinario do Concello da Coruña aprobou hoxe, co voto favorable de todos os grupos agás o PP, o modificativo de crédito necesario para solucionar os atrasos no pago da Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia. Chegou 107 días despois da investidura de Inés Rey como alcaldesa e case 40 desde que a Marea Atlántica fixo a primeira denuncia pública no mes de agosto, mentres tanto, ducias de familias en situación de vulnerabilidade quedaron sen axuda. Tamén se aprobou incrementar en 62.000 euros os fondos para obras de mellora nos centros de ensino, grazas a unha emenda da Marea Atlántica. Nesta sesión, o vicevoceiro municipal da Marea Atlántica sinalou que “solucionado o urxente, é o momento de poñerse a traballar nos Orzamentos para 2020, reiteramos a nosa disposición a facilitar un acordo amplo e netamente progresista”.

Como sinalou Iago Martínez, o problema dos impagos nas axudas sociais nace do bloqueo aos Orzamentos 2019, cos votos sumados de PP e PSOE. “Foi un erro que deixou á intemperie, como mínimo, 55 fogares. Avisamos en xuño, e animamos ao novo goberno a aprobar antes do verán uns orzamentos 2019, pero dixeron que non. Ofrecemos outra alternativa, esta do modificativo de crédito, co noso apoio incondicional, e por desgraza tardaron máis de cen días en traelo a este pleno. Os gobernos teñen cen días de gracia, pero a pobreza non perdoa unha soa noite”.

Os impagos nas axudas sociais non poden repetirse

20190930_SGR_GM_MA_pleno_extraordinario_MG_5477Deste xeito, coa aprobación do modificativo, auméntanse en 417.000 os créditos par a Renda Social Municipal e en 240.000 euros os das axudas de emerxencia, que “confiamos en que sexan suficientes e non se repetirá o acontecido nestas últimas semanas, nas que se lle denegaron recursos básicos a persoas que tiñan dereito a eles”.

O cambio nas contas municipais suma tamén 1,7 millóns de euros para executar iniciativas de mobilidade sostible, impulsadas no mandato anterior, ben a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) da Coruña (dotada con 15 millóns de euros de fondos europeos FEDER), ben a traves dos Orzamentos Participativos. Trátase, fundamentalmente, da implantación da bicicleta eléctrica en BiciCoruña e da ampliación da súa infraestrutura con novas estacións en Elviña, Os Mallos, Eirís, O Ventorrillo, Novo Mesoiro, Oza, Catro Camiños, os polígonos da Grela e Pocomaco e o campus universitario.

Máis fondos para educación pública de calidade

Neste Pleno extraordinario tamén foi aprobada una emenda do grupo municipal da Marea Atlántica para executar obras de mellora nos centros de ensino públicos da cidade. En concreto, destinase 32.534 euros para a colocación de varandas e elementos de protección no colexio San Francisco Xavier e 30.000 para a mellora do pavimento na escola infantil municipal Arela.

De novo, trátase de proxectos preparados e pendentes de executar, que non foi posible cumprir debido a que o bloqueo dos Orzamentos 2019 reduciu enormemente o crédito do Concello para investimentos. Cando se pon as siglas do partido por diante do interese xeral, é toda a cidade a que paga o prezo.

Iago Martínez: “Estamos en disposición de facilitar un acordo orzamentario amplo e netamente progresista”