Saltar ao contido

Recollemos as nosas das últimas semanas e a iniciativa da plataforma “Unímonos ou afundimos”, para esixirlle ao goberno que active as políticas culturais tras dous anos en branco

O cese de Rómulo Sanjurjo debería ser un punto de inflexión para superar unha etapa desastrosa na área de Cultura, pero Inés Rey segue sen ter interese nun dos sectores máis afectados pola crise

A Marea Atlántica reclamará no Pleno do vindeiro xoves, 3 de xuño, que o Concello poña en marcha dunha vez unha batería de medidas para “desconfinar a política cultural” tras dous anos con esta área de goberno paralizada. Trátase dun dos sectores máis afectados pola crise e a pandemia e ata o de agora só recibiu incerteza por parte de Inés Rey, que xa tivo máis responsables de área que políticas culturais neste mandato. 

O cese de Rómulo Sanjurjo e o nomeamento dunha nova directora de área pode ser un punto de inflexión para comezar, dunha vez, a apoiar á cultura na Coruña e deixar atrás dous anos calamitosos, dunha xestión errática e accidentada e sen proxectos de ningún tipo. En definitiva, dous anos perdidos para o sector cultural, que representa centos de empregos na cidade da Coruña. 

Por estes motivos, procuraremos o apoio maioritario do Pleno para reclamarlle a Inés Rey as seguintes medidas, que xa puxemos sobre a mesa hai dez días, sen resposta por parte do goberno:

 

  • Cero recortes no orzamento cultural. 
  • Renovar o Bono Cultura como parte do novo Presco, aprendendo dos erros do anterior. Debe contar con máis fondos e cun reparto xusto e educativo, para chegar a máis segmentos profesionais.
  • Nova liña de axudas directas para as pequenas e medianas empresas e persoas autónomas.
  • Nova convocatoria das bolsas de creación artística corrixindo os moitos problemas da primeira edición. Ten que cubrir proxectos de investigación, remunerar o traballo das persoas beneficiarias, ofrecer trámites simplificados e prazos razoables.
  • Programa de residencias artísticas, para que o Concello apoie de xeito directo o traballo das artistas locais. Non debería limitarse a teatros e equipamentos especializados, senón estenderse a bibliotecas, centros cívicos, espazo público…
  • Adquisición de obras de artistas locais, nun programa vinculado a políticas de promoción, investigación, exhibición. 
  • Novos convenios con entidades culturais recuperando os que foron rexeitados ilegalmente pola alcaldesa. E celeridade para executalos. 
  • Constitución inmediata do Consello Local da Cultura, demanda case unánime da oposición, e elaboración dun plan director para as políticas culturais.

 

Do mesmo xeito, incluiremos varias das medidas que nos trasladou a plataforma de profesionais da cultura “Unímonos ou afundimos” para reactivar o sector tras a pandemia:

  • Maior programación de eventos culturais, con especial atención á música ao vivo, moi castigada polas restricións. E garantir polo menos o 50% do caché en casos de aprazamentos que non se podan atribuír ás artistas. 
  • Manter os orzamentos das festas en actividades e políticas culturais, para non castigar máis ao sector. 
  • Apostar por solucións tecnolóxicas, como o streaming, antes de cancelar eventos sen alternativa. 
  • Crear unha campaña de Espazos Seguros no ámbito cultural. 
  • Declarar as salas de concertos como espazos de interese turístico, como apoio para retomar a súa actividade tras a pandemia. 
  • Crear un censo de profesionais da cultura na Coruña e unha bolsa de traballo municipal.

Agardamos que, desta vez, Inés Rey amose un mínimo de empatía coa Cultura, unha actividade que non só fai a nosa vida máis doada e completa, senón que é un dos motores económicos da Coruña. Pedímoslle á alcaldesa que atenda a algo que non sexa a especulación inmobiliaria. 

Levamos ao Pleno unha moción reclamando medidas para “desconfinar a política cultural”