A 20 de maio, só o 22% do orzamento municipal estaba comprometido. No capítulo de investimentos, a execución é do 5,7%, deixando 44,8 millóns dispoñibles
O ano pasado por estas datas, cunha execución do 23%, púxose en marcha o novo Presco. Agora tamén é posible facelo
María García: “É falso que a situación económica do Concello non permita lanzar un novo plan de axuda. Pode facerse, e para iso a alcaldesa pode contar cos votos da Marea”
A 20 de maio, e segundo os datos oficiais aos que tivo acceso a Marea Atlántica, Inés Rey tiña executado só o 22% do orzamento, polo que dispón duns 227 millóns para rematar o ano. Se atendemos só aos investimentos, a execución é do 5,7%, o que significa que aínda quedan 44,8 millóns sen gastar. “Son fondos máis que suficientes para poñer en marcha, agora mesmo, un novo Presco fronte á crise derivada da pandemia, ampliar os convenios coas entidades do terceiro sector e soster o funcionamento normal do Concello. Urximos a alcaldesa a facelo canto antes”, sinala a voceira da Marea Atlántica, María García.
García fixo hoxe públicos estes datos en rolda de prensa, aos que puidemos acceder a pesar dos problemas que o goberno local adoita poñerlle ás prácticas de transparencia. E puidemos comprobar que a situación é similar á do ano pasado por estas datas. A 28 de maio de 2020, a execución era do 23,1%, e o 30 de maio aprobouse o primeiro Presco. Se daquela foi posible, tamén o é hoxe.
A nosa voceira insistiu en que “é falso que a situación económica do Concello non permita lanzar un novo plan de axudas e darlle á veciñanza o que se lle prometeu. Abonda un modificativo de crédito para mobilizar parte dos cartos sen executar e para iso, dicímosllo unha vez máis, pode contar cos votos da Marea Atlántica, os únicos que garanten unha maioría progresista nesta Corporación”.
Menos propaganda, máis axudas ante a crise
María García argumentou que as primeiras partidas que se deberían redistribuir son as de propaganda e asesorías externas, dous conceptos ben prescindibles no momento actual e aos que o goberno de Inés Rey destina varios millóns de euros.
“Os bos datos epidemiolóxicos, grazas ao esforzo que está a facer a sanidade pública na campaña de vacinación, convidan ao optimismo no eido sanitario, pero cando quitemos as mascarillas, a crise económica vai seguir aí. Na Coruña perdéronse 2.000 empregos en dous anos, milleiros de negocios están a pechar, e a situación vai tardar en mellorar”, explicou.
En tres días rematamos o mes de maio, e o novo Presco que a alcaldesa comezou a anunciar en decembro segue a ser só unha promesa incumprida. Non se ampliaron os convenios coas entidades sociais despois de vetalos ilegalmente no Pleno. Non temos uns Orzamentos adaptados á realidade. Unha realidade que a Inés Rey e ao seu equipo non parece preocuparlles o máis mínimo.
Neste contexto, é triste que o único xeito de poder contar coa axuda da alcaldesa é ser promotor inmobiliario. Como sinalou García, “para o ladrillo, Inés Rey sempre ten a axenda libre e os trámites áxiles. Para a veciñanza que peor o está a pasar, non ten sitio na súa axenda. Hai, repito, 227 millóns sen gastar no orzamento municipal. Máis que suficiente para lanzar un novo e urxente plan de Choque. Pedímoslle hoxe, unha vez máis, que recapacite e goberne”.