Saltar ao contido

Estas son as nosas propostas para un dos sectores máis golpeados pola crise: renovar o Bono Cultura, axudas directas, bolsas de creación, residencias artísticas e adquisición de obras por parte do Concello. Tamén evitar recortes, aprobar os convenios vetados ilegalmente e crear un Consello Local de Cultura

Iago Martínez: “A alcaldesa ten que aproveitar o nomeamento dunha nova directora de área para desconfinar as políticas culturais e darlle ao sector a atención que merece, en lugar de centrar toda a súa axenda no ladrillo”

O vicevoceiro da Marea Atlántica e membro da Comisión de Cultura do Concello da Coruña, Iago Martínez, presentou hoxe en rolda de prensa unha batería de medidas para “desconfinar as políticas culturais” na Coruña, conter o impacto da pandemia e compensar os dous anos sen iniciativa, nin proxecto nin ideas nesta área do goberno municipal, que tivo xa máis responsables que políticas activas.

Tal e como sinalou, “pedímoslle a Inés Rey que aproveite o punto de inflexión que supón o cese de Rómulo Sanjurjo e o nomeamento dunha nova directora de área para desconfinar as políticas culturais e darlle estabilidade ao sector cultural da Coruña”. É preciso porque, pese a que os avances na campaña de vacinación son esperanzadores á hora de controlar a crise sanitaria, os da pandemia sobre a economía “son persistentes e afectan con particular gravidade a dous sectores, segundo a Seguridade Social: a hostalería e a cultura, da que nos ocupamos hoxe”.

Máis responsables de Cultura que políticas activas

O noso vicevoceiro definiu o comezo do mandato de Inés Rey como “dous anos calamitosos para a cultura, de xestión errática e accidentada, de ceses, cambios e nomeamentos, algúns deles irregulares e en circunstancias escabrosas. En definitiva, dous anos completamente perdidos para un dos sectores máis golpeados pola crise”.

Xa hai un ano, ao comezo da pandemia, a Marea Atlántica puxo sobre a mesa ducias de propostas para facer da Coruña un porto refuxio para a Cultura, pero Inés Rey non escoitou, e o impacto da crise xa está aquí. “Agora volvemos ofrecer ideas para non repetir o erro e estar á altura do que a Cultura precisa para levantar cabeza e recuperar, redobrado, o dinamismo, a vitalidade e o emprego que tiña antes da COVID19. Porque gobernar en tempos de crise precisa empatía, e o sector, un sector que está a ser construtivo e achegar propostas, non está a recibir nada deste goberno máis que incertezas. Por iso, volvemos ofrecer a man tendida da Marea Atlántica”, resume Iago Martínez.

Propostas para ‘Desconfinar a Cultura’

  • Renovar o Bono Cultura dentro dun novo Presco, e corrixindo os problemas do anterior. Mellor dotado, máis xusto e equitativo e que chegue a máis segmentos profesionais.
  • Nova liña de axudas directas para as pequenas e medianas empresas do sector, así como a autónomos e autónomas.
  • Nova convocatoria das bolsas de creación artística que palíe os moitos erros da primeira edición: ten que cubrir proxectos de investigación, remunerar o traballo das persoas beneficiarias, ofrecer trámites simplificados e prazos razoables.
  • Impulso ás residencias artísticas, tanto en equipamentos especializados coma en centros cívicos, bibliotecas e en infraestruturas sociais doutro tipo.
  • Cero recortes en Cultura.
  • Novos convenios para entidades culturais, recuperando os que foron rexeitados ilegalmente pola alcaldesa. E celeridade para executalos, non coma o ano pasado. No verán sumamos convenios cos sectores das librarías e salas de concertos que non se executaron.
  • Programa de adquisición de obra de artistas locais, vinculado a políticas de promoción, investigación, exhibición…
  • Constitución inmediata do Consello Local da Cultura, demanda case unánime da oposición, e elaboración dun plan director para as políticas culturais.

A 19 de maio, sen Presco, nin convenios, nin orzamentos

Martínez pediulle celeridade e compromiso a Inés Rey para actuar fronte á crise derivada da Covid, non só en cultura, senón en todas as áreas. “Vaise cumprir un ano da aprobación do Presco, un plan de rescate apoiado por toda a oposción, que tiña que estar executado a 31 de decembro, pero a alcaldesa ten aínda ducias de facturas sen pagar, e para moitos pequenos negocios da cidade iso supón ter que baixar a persiana para sempre”.

Non só iso. A 19 de maio seguimos sen un novo Presco, sen convenios co terceiro sector e sen orzamentos adaptados á realidade, “e sen ningún indicio de que isto vaia cambiar a curto prazo”. A Comisión de Facenda leva sen reunirse desde o 12 de abril, cinco semanas sen ningún avance. “Constátase que botarlle unha man a quen o precisa non é urxente para Inés Rey, na súa axenda só hai sitio para o ladrillo, a única receita do PSOE para A Coruña”.

Vai sendo hora de desconfinar a cultura na Coruña