Saltar ao contido

A Marea Atlántica, o BNG e a concelleira non adscrita presentarán unha iniciativa na que se insta a recuperar os consensos sobre os peiraos en lugar de alentar a venda de terreos para especular en San Diego

O texto tamén lle reclama a Inés Rey que convoque unha consulta cidadá e que apoie a manifestacion do dia 30 de maio cun Bando de alcaldía, como fixo Xulio Ferreiro en 2017

O grupo municipal da Marea Atlántica, xunto ao do BNG e á concelleira non adscrita, presentarán no Pleno do 6 de maio unha moción conxunta en defensa dos peiraos e animando a participar na manifestación do 30 de maio. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Comisión en Defensa do Común, que recollemos para que sexa debatida pola Corporación. 

Así, ante as declaracións públicas chamando a vender solo nos peiraos de San Diego, realizadas polo ministro de Transportes, José Luis Ábalos, o presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a moción pídelle a Inés Rey que saia do seu silencio cómplice e se posicione do lado da cidade. Tamén debe falar con todos os grupos da Corporación e compartir información para chegar a unha postura de consenso, en lugar de actuar por libre. 

A proposta reclámalle á alcaldesa que publique un Bando de Alcaldía chamando a participar na manifestación do 30 de maio, e que ceda o Salón de Plenos para unha asemblea de entidades cívicas sobre o futuro do porto, tal e como fixo Xulio Ferreiro en 2017. Solicítaselle, tamén, que non esqueza a participación cidadá e convoque unha consulta pública para coñecer os desexos da veciñanza sobre os peiraos. 

O texto baséase en recuperar os consensos construídos nos últimos anos sobre a fachada marítima, e ratificados xa en varias ocasións no Concello da Coruña, a Deputación e o Parlamento de Galicia, pese á preocupante tendencia de PP e PSOE por esquecelos en canto se meten unha xuntanza a porta pechada. Baséanse en condonar a débeda da Autoridade Portuaria, manter a xestión e titularidade pública dos peiraos, coidar dos usos produtivos e a pesca, dotar de tren á dársena exterior de Punta Langosteira e contar coa veciñanza ao deseñar o uso dos terreos.

 

Acordos moi claros

Por iniciativa da Comisión en Defensa do Común, no Pleno do xoves 6 de maio debaterase unha moción que presentamos conxuntamente a Marea Atlántica, o BNG e a concelleira non adscrita, que reclama a implicación do Concello e recolle os consensos básicos dos últimos anos, asumidos tamén polas máis de 40 entidades sociais que apoian a convocatoria do 30 de maio na Coruña. Así, os seus acordos inclúen:

  • Condonación total da débeda da Autoridade Portuaria, como se fixo en Valencia.
  • Financiamento da conexión ferroviaria á dársena exterior de Punta Langosteira, licitando e adxudicando a obra en 2021, ben con fondos europeos, ben con recursos do Estado. 
  • Instar ao goberno municipal a respectar os acordos plenarios dos últimos anos: protexer a fachada marítima da especulación, coidar os usos produtivos como a pesca, e aproveitar os terreos libres para dar servizos aos barrios e mellorar a mobilidade. 
  • Recuperar a participación cidadá no debate portuario e convocar unha consulta cidadá. 
  • Instar á alcaldesa a publicar un Bando apoiando a manifestación do 30 de maio e a ceder o Salón de Plenos para unha Asemblea Cívica de Entidades, tal e como fixo Xulio Ferreiro en 2017. 

Levamos a Pleno a moción conxunta de Defensa do Común polo futuro dos peiraos e para apoiar a manifestación do 30 de maio