Esixímoslle a Inés Rey que fale claro, que se opoña a facer caixa cos terreos de San Diego, e que deixe de secuestrar o debate en despachos e xuntanzas a porta pechada
O luns convocaremos a Comisión Especial do Bordo Litoral para reclamarlle ao goberno local que explique a súa postura e manteña os consensos dos últimos anos nas súas negociacións coa Xunta e o Estado: nada de vender terreos coa escusa da débeda portuaria
A Marea Atlántica apoia a manifestación convocada para o 30 de maio co lema “En defensa do porto. A Coruña non se vende”, organizada pola Comisión en Defensa do Común, e subscribe o manifesto presentado hoxe en rolda de prensa, xunto a case 40 entidades da área metropolitana. “Como fixemos desde os nosos primeiros pasos, a Marea Atlántica rexeita frontalmente a especulación urbanística nos peiraos. En maio de 2017, 4.000 persoas saíron a rúa para deixar claro que A Coruña quere protexer a súa fachada marítima, e cinco anos despois é o momento de volver facelo”, afirmou a nosa voceira, María García.
Estamos a ver como o ministro de Transportes, o presidente de Puertos del Estado e o presidente da Xunta falan claramente de vender terreos en San Diego, ante o silencio da alcaldesa da Coruña, e rachando con todas as iniciativas de consenso aprobadas nos ultimos anos. Por iso, como sinala María García, “a recuperación do porto vai ser a decisión máis importante que A Coruña vai tomar nas vindeiras décadas, na que escolleremos que cidade queremos. E o PP e o PSOE non poden decidilo eles a porta pechada, de costas á veciñanza”.
Do mesmo xeito, pedímoslle a Inés Rey que fale claro, que deixe de secuestrar o debate tras as portas pechadas dos despachos, e que apoie sen paliativos esta mobilización. Como sinalou a nosa voceira: “Por moito que lle preguntamos, a alcaldesa non fala claro. Está a favor de vender e privatizar terreos en San Diego? Si ou non? En lugar de dar resposta, sempre se remite aos seus encontros coa Xunta e o Estado, dos que nunca comparte información”.
María García anunciou que convocará a Comisión Especial do Bordo Litoral, da que é presidenta, para que se reúna e este luns e tente fixar unha posición conxunta do Concello da Coruña cara a reunión interadministrativa que terá lugar o 5 de maio. “O que estamos a ver é que a alcaldesa vai por libre mentres Feijóo presenta o seu proxecto de quedarse cos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, deixando a porta aberta a un pelotazo en San Diego. A primeira edil da Coruña debería defender os consensos aprobados xa moitas veces en mocións neste Concello, en lugar de recoller documentación da Xunta para pasala a limpo. Documentación que, por certo, se nega a compartir coa oposición”.
Así, este luns volveremos reclamar que se entregue esa documentación, e que se fixe unha postura única da Corporación Municipal da Coruña sobre o futuro do porto, que deberá ser a trasladada pola alcaldesa e a representación no concello no encontro da vindeira semana.
Reparto de información nas rúas
Para difundir este debate e chamar á participación na manifestación do 30 de maio, a Marea Atlántica organizou hoxe un reparto de folletos informativos na contorna do mercado de Elviña, poñendo sobre a mesa os asuntos que PP e PSOE se esforzan en ocultar.
No vindeiro mes, estaremos en diferentes puntos da cidade con repartos similares ao de hoxe, procurando trasladarlle á veciñanza o moito que nos xogamos na fachada marítima da Coruña.