Reclamaremos coñecer as medidas urxentes para axudar ás persoas que poden quedar sen casa cando remate o estado de alarma e se levante a prohibición de desafiuzar
Tras a dimisión de Rómulo Sanjurjo, pedirémoslle a alcaldesa e máxima responsable de Cultura que aclare cando pensa poñer a funcionar esta área de goberno tras dous anos perdidos
O grupo municipal da Marea Atlántica preguntaralle a Inés Rey no vindeiro Pleno, este xoves 6 de maio, cando vai poñer en marcha o novo plan de axudas contra a pandemia, o Presco 2021, tendo en conta que foi anunciado en decembro e que, a data de hoxe, o goberno segue sen achegar nin cifras nin propostas concretas.
Mentres a crise avanza e temos 2.200 persoas máis no paro que cando comezou o mandato, e mentres a oposición rexistra as súas propostas (tal e como fixemos nós coas medidas para Rescatar A Coruña), Ines Rey non foi capaz de dar unha resposta á altura da situación. O seu goberno só ofrece unha cantidade ridícula para financiar o novo plan, 3,6 millóns cando o ano pasado non foron suficientes 13,5 e aínda quedan centos de axudas pendentes de pagar. As que se poñan en marcha en 2021, xa chegarán tarde para moitos negocios.
A alcaldesa está a demostrar que carece de empatía polas persoas que están a levar a peor parte da crise. Por iso tampouco se molestou aínda en anunciar medidas para garantirlles unha solución habitacional ás persoas que poden quedar na rúa a partir do 9 de maio. Nesa data remata o estado de alarma, e con el a prohibición de desafiuzar. Na Coruña xa hai persoas que recibiron orde de deixar a súa vivenda nos vindeiros días, e por iso preguntaremos polas medidas que pensa tomar o executivo local para tenderlles a man.
Finalmente, tras a repentina dimisión do director da Área de Cultura, Rómulo Sanjurjo, por motivos non aclarados, pedirémoslle á alcaldesa e máxima responsable que aclare cando pensa poñer en funcionamento esta área, tras dous anos en branco e sen poñer en marcha ningunha política cultural que non veña herdada do anterior mandato.