Saltar ao contido

Tras unha xuntanza coas directoras das EIM constatamos que, a data de hoxe, o Concello non trasladou os fondos para cubrir a suba salarial que entra en vigor este mes

En febreiro, na Comisión de Educación, o executivo de Inés Rey prometeu facerse cargo, pero non cumpriu: reclamamos unha solución urxente


A Marea Atlántica esíxelle ao goberno de Inés Rey que cumpra a súa palabra e prepare unha solución urxente para cubrir as melloras salariais das traballadoras das Escolas Infantís Municipais (EIM), obrigada polo novo convenio colectivo do sector. O concelleiro responsable, Jesús Celemín, prometeu en febreiro, na Comisión de Educación e Cultura, que contaría cos fondos suficientes para asumir este necesario aumento de soldo, pero non era certo.

Tras reunirse coas directoras de varias Escolas Infantís Municipais, as concelleiras da Marea Atlántica Silvia Cameán e Claudia Delso denuncian que o Concello non aumentou a súa contribución aos centros, que agora non dispoñen do financiamento necesario para aumentar os soldos este curso e respectar os avances da negociación colectiva.

“Denunciámolo a comezos de ano, e o goberno local prometeu tomar nota, pero non fixo nada. Vimos de celebrar un pleno case sen asuntos, por que non se traballou xa nunha solución para cumprir coas escolas infantís?”, pregunta Silvia Cameán. 

A concelleira lembrou que o novo regulamento das Escolas Infantís Muncipais, que permitiu que sexan de balde xa este curso, incluía o compromiso do Concello para mellorar as condicións laborais das traballadoras. Pero “a Concellería de Educación non fixo os deberes”. Estas son as consecuencias de ter un orzamento prorrogado por decisión unilateral da alcaldesa, que carece dunha partida para cumprir cos novos salarios. Un erro que non pode repetirse de novo.

De 923 a 1.122 euros ao mes, un aumento necesario

Estas melloras son moi necesarias para dignificar o traballo no ensino de 0 a 3 anos, que leva anos arrastrando condicións de precariedade. Deste xeito, unha educadora infantil que cobraba 923,65 euros ao mes de salario base pasaría a percibir 1.122 no curso que agora comeza. Solicitamos a convocatoria da Comisión de Educación para que o concelleiro responsable dea as explicacións necesarias e comece a traballar canto antes na solución a este problema.

O goberno local ten que asumir a mellora dos salarios das traballadoras das Escolas Infantís Municipais