A convocatoria estará aberta ata o 13 de outubro para as entidades sociais da Coruña, que poden optar ata un máximo de 2.000 euros para as súas propostas
A coordinadora da Marea Atlántica decidiu ampliar o prazo de presentación de iniciativas á segunda convocatoria da nosa Xanela de Proxectos, que destina ata 12.000 euros dos excedentes salariais dos nosos cargos públicos para financiar propostas das entidades sociais da Coruña para mellorar a vida na cidade. Tras un verán atípico, e a petición de varios colectivos, alongamos un mes o tempo de preparación e achega de propostas, que permanecerá aberto ata o mércores 13 de outubro.
A Xanela de Proxectos ofrécelle ao tecido asociativo coruñés sen ánimo de lucro ata 2.000 euros para poñer en marcha iniciativas que contribúan a unha cidade máis próxima, solidaria e aberta, á innovación e á xustiza social e a fortalecer a recuperación tras a pandemia. En total, a convocatoria está dotada con 12.000 euros, 2.000 máis ca o ano anterior, e finánciase exclusivamente cos excedentes salariais do Grupo Municipal e do Grupo Provincial da Marea Atlántica, que perciben un máximo de 35.000 euros anuais, por debaixo dos 40.000 que marca o noso Código Ético, e doan o resto. Grazas a eses fondos tamén se mantén a Oficina dos Dereitos para prestarlle asistencia e apoio á veciñanza en situación vulnerable.
A primeira convocatoria de Xanela de Proxectos impulsou 5 iniciativas cun total de 10.000 euros: para fomentar a inclusión das persoas migrantes a través da cultura galega, protexer a saúde de colectivos vulnerables, organizar o voluntariado en tempos de pandemia e dinamizar os barrios de Palavea e O Campanario.
Nesta segunda edición, as propostas deberán ter sempre perspectiva feminista e ecoloxista, e se valorarán especialmente as que se centren no dereito á vivenda, a mobilidade, a saúde, os coidados, os dereitos civís, o consumo responsable, no tecido cultural local e na dinamización socio comunitaria da Coruña e os seus barrios. Calquera dúbida pode trasladarse ao correo proxectos@mareatlantica.org.
Novo calendario da Xanela de Proxectos
23 de xullo 20201 | Constitución do tribunal e comité avaliador |
26 de xullo 2021 | Publicación da convocatoria |
27 de xullo ao 13 DE OUTUBRO de 2021 |
Presentación online dos proxectos |
14 ao 28 de outubro de 2021 | Avaliación |
2 de novembro de 2021 | Publicación dos resultados provisionais |
3 ao 9 de novembro de 2021 | Período de emendas |
12 de novembro de 2021 | Publicación dos resultados definitivos |