Neste proceso, que remata o 4 de xuño, actualizaranse os obxectivos políticos, o método para elaborar o programa participativo e a convocatoria de primarias
Poden participar, con voz e voto, todas as persoas que asinaron o manifesto da Marea antes do 26 de abril. Só teñen que inscribirse en mareaviva2022.mareatlantica.org
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o portavoz da Coordinadora da organización, Rodri Gil, presentaron hoxe en rolda de prensa a Marea Viva 2022, o máximo órgano de toma de decisións da plataforma municipalista, que ten como obxectivo prepararse para as eleccións de 2023. No marco deste proceso de debate, deliberación e toma de decisións, fixaranse os obxectivos políticos inmediatos da Marea e renovaranse as normas para escoller unha candidatura e deseñar o programa electoral de xeito participativo.
Na Marea Viva teñen voz e voto todas as persoas que asinaran o manifesto da Marea Atlántica ata esta semana, máis de 800. Para participar nos debates e votacións, só teñen que inscribirse na web mareaviva2022.mareatlantica.org antes do 26 de maio.
Como sinalou María García, “a Marea Viva é o momento no que definimos onde está a Marea Atlántica e cara onde se dirixe, desde a intelixencia colectiva e o debate, procurando sumar todas as sensibilidades. É o primeiro paso cara a vindeira convocatoria electoral. O seguinte, será a convocatoria de primarias para ter unha candidatura lista en outono”.
Da súa banda, Rodri Gil salientou que son tres os documentos que máis se renovarán nesta Marea Viva: o Documento Político, que fixa os obxectivos da Marea Atlántica para o próximo ciclo. “Desde a Coordinadora lanzamos tres propostas, que se estudarán e modificarán durante o proceso. Apostamos por un proceso de primarias aberto, pola elaboración colectiva do programa electoral, e por reforzar os principios aos que somos fieis desde os comezos: xustiza social, feminismo, coidado ambiental e loita contra o cambio climático, igualdade e radicalidade democrática”.
Tamén están abertos a debate a Estrutura da organización, Código Ético e Forma de Goberno, aínda que a proposta da Coordinadora é mantelos sen cambios substanciais. Apostan por manter sinais de identidade da Marea Atlántica como a limitación salarial, un máximo de 40.000 euros anuais, doando o resto para financiar iniciativas como a Oficina dos Dereitos ou a Xanela de Proxectos. E tamén o máximo de dous mandatos para os cargos públicos.
“O domingo coñeceuse que as persoas que formamos o actual Grupo Municipal non seguiremos como representantes públicas, por motivos persoais e en cumprimento dos nosos compromisos éticos. Apostamos por unha renovación radical, unha saudable entrada de novos aires, que non e un final, senón un capitulo que comeza con esta Marea Viva 2022”, resumiu María García.
Un proceso en tres fases
- Debate sobre as propostas da Coordinadora. Comeza hoxe, xoves 28 de abril, coa presentación da Marea Viva ante a Rede, a a nosa asemblea. Daranse a coñecer os documentos redactados pola Coordinadora, como punto de partida para o debate. Deixarase tempo para estudalos e comentalos, e o sábado 21 de maio haberá un debate presencial sobre eles.
- Presentación de emendas. A Coordinadora revisará os documentos coas propostas recollidas na primeira fase, e presentará as novas versións o 26 de maio. A partir do día seguinte, 27 de maio, poderanse presentar achegas e emendas..
- Votación final das propostas. O venres 3 de xuño votaranse as emendas que non foran xa transaccionadas e incorporadas aos documentos finais. Finalmente, o sábado 4 de xuño votaranse as propostas definitivas e celebrarase o acto de peche da Marea Viva.
Os comentarios están pechados.