A situación afecta a un cento de persoas no Concello, ás que habería que sumarlle o persoal de Emalcsa, o IMCE e outros organismos da administración local
Alberto Lema: “É obrigatorio convocar unha Oferta Pública de Emprego para rematar coa temporalidade antes do 1 de xuño. No Pleno, pedirémoslle ao goberno que non o deixe para o último día”
O grupo municipal da Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que poña xa en marcha os mecanismos para estabilizar as prazas do funcionariado interino no Concello da Coruña e os organismos asociados, cumprindo coas obrigas que marca a Unión Europea. Isto afecta a máis dun cento de persoas só no Concello, ás que hai que sumarlles os casos en Emalcsa, Emvsa, o IMCE, o Consorcio de Turismo e outras entidades asociadas á administración local.
Tras manter xuntanzas con representantes dos sindicatos CCOO, CIG e UXT na Xunta de Persoal do Concello, urximos ao executivo a presentar canto antes unha Oferta Pública de Emprego que determine exactamente cantos postos están cubertos irregularmente por persoal interino. E debería informar aos sindicatos con tempo suficiente para revisala.
Apurar prazos non é boa idea
O concelleiro Alberto Lema sinala que “se trata de centos de persoas que levan anos en precario e nunha situación de fraude de lei, e ás que o goberno está obrigado a regularizar. Debería facelo ben e sentando unhas bases claras, en lugar de deixalo todo para o último día”.
A Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que traslada a normativa europea, obriga ao Concello a regularizar máis dun cento de prazas antes do 1 de xuño. “Falta pouco máis dun mes e non se sabe nada da nova Oferta Pública de Emprego. Levaremos un rogo ao vindeiro Pleno para reclamar que se convoque en tempo e forma”.
O seguinte paso debe ser elaborar as bases dos procesos selectivos, nos que se valore debidamente a experiencia do persoal interino. Deben estar aprobadas antes do 1 de xaneiro de 2023 polo que, unha vez máis, instamos ao goberno local a non apurar os prazos.