O noso grupo visitou hoxe as instalacións da lonxa nos peiraos interiores, a primeira de Europa en descargas de peixe fresco, e cunha facturación de máis de 30 millóns de euros anuais

Trasladámoslle aos representantes da lonxa a necesidade dun Pacto contra a Débeda do Porto, que libere ao bordo litoral da ameaza de especulación, e a importancia de que se escoite a súa voz no debate sobre a transformación dos peiraos

María García, Alberto Lema e Iago Martínez, concelleiras da Marea Atlántica, visitaron hoxe as instalacións da lonxa da Coruña, para coñecer a súa situación actual e trasladarlles información sobre a proposta elaborada pola Universidade da Coruña e o goberno municipal para a futura ordenación dos peiraos interiores.

García lembrou que o mapa que debuxa a universidade para os peiraos de  Batería, Calvo Sotelo, San Diego e Petroleiro “é mellor que o actual, herdado dos convenios de 2004, pero deixa moitos puntos de incerteza” e segue a poñer o foco en vender terreos para sacar plusvalías. “Pola contra, esquece completamente os sectores produtivos, a lonxa entre eles. A lonxa da Coruña é a primeira de Europa en descargas de peixe fresco e factura máis de 30 millóns de euros anuais, merece toda a atención”.

O documento da UDC fala de economía azul, riqueza marítima e investigación, pero non atende a cuestións loxísticas como o espazo necesario para a almacenaxe e tratamento de mercadorías nun centro loxístico tan relevante como San Diego. Neste sentido, bótase en falta interlocución real coa Confraría de Pescadores, o Muro e as empresas vinculadas ao sector do mar, para contrastar a viabilidade da proposta. Desde logo, é imposible manter a súa actividade desde Punta Langosteira.

Pacto contra a Débeda

O mellor xeito de blindar os peiraos contra as apostas do casino inmobiliario é un Pacto contra a Débeda e o respecto aos consensos xurdidos no mandato anterior, como ten aprobado o Pleno da Coruña en numerosas ocasións, a máis recente en decembro. En palabras de María García, “o único realista é condonar a débeda, como se fixo en Valencia. Temos que asumir que os intereses do préstamo do Estado son imposibles de pagar, e impiden a transformación do bordo litoral”.

Polo préstamo de Portos do Estado, a Autoridade Portuaria paga un tipo de interese dez veces superior ao que paga polo do Banco Europeo de Investimentos (BEI). O porto da Coruña pagou xa 40 millóns de euros só en intereses, sen amortizar con iso nin un só euro do crédito.

Existen, como xa temos denunciado, outros elementos preocupantes, como a indefinición sobre a titularidade pública do solo, e que se manteñan na zona de San Diego a elevadísima edificación prevista nos convenios de 2004. Os efectos da crise inmobiliaria de 2008, sumados á actual pandemia, deberían evitar que repitamos erros do pasado. A nosa obriga como sociedade é protexer o bordo litoral da especulación e fomentar nel o espazo público, a protección ambiental e as economías do mar.

Vista desde a lonxa

Vista desde a lonxa da Coruña. Foto: Sandra García Rey