Mediante unha transacción, logramos o acordo de todos os grupos do Concello da Coruña, recuperando o consenso sobre a defensa do bordo litoral
Tamén resultou aprobada, co único voto en contra do PP, a nosa moción en defensa do Dereito a Vivenda, que reclamaba a prohibición de desafiuzamentos e cortes de subministro ata finais de 2022
Lamentablemente, non tivemos apoio para reclamar a fin do abuso das dietas por asistencia a órganos do Concello da Coruña, que leva ao voceiro do goberno, José Manuel Lage, a cobrar máis que Pedro Sánchez: 110.000 euros anuais
O Pleno do Concello da Coruña aprobou, por unanimidade, unha moción da Marea Atlántica para reclamar que os peiraos interiores manteñan a súa titularidade e xestión pública, a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, o financiamento da conexión ferroviaria á Punta Langosteira por parte do Estado e a participación social para decidir o futuro encaixe dos terreos portuarios na Coruña. Cunha transacción e a través do diálogo, conseguimos recuperar os consensos sobre o futuro do bordo litoral, sementados no pasado mandato.
A nosa voceira, María García, sinalou que “é importante que este Concello amose acordo para afrontar a maior transformación urbana que terá A Coruña neste século”. E lembrou que “esta proposta nace da que xa presentamos na Comisión do Bordo Litoral hai quince días, e que foi rexeitada. Celebramos o regreso ao acordo, pero lamentamos que non estivera a tempo para influír no debate dos Orzamentos Xerais do Estado, onde A Coruña estivo ausente, como ausente está o Estado no compromiso co porto”.
García fíxose eco das recentes declaracións da presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, asegurando que a Autoridade Portuaria da Coruña está “quebrada” e negándose a financiar a conexión ferroviaria ao Porto Exterior mentres dedica 140 millóns de euros para a mesma fin en Castellón. A voceira considerou “intolerable que se pretenda hipotecar o futuro da fachada marítima polos problemas económicos do porto, cando en Valencia se condona unha débeda de 400 millóns de euros”.
Finalmente a María García reclamou que os peiraos da Zona 1, Calvo Sotelo e Batería, non se transformen nun escaparate no centro mentres eixan os da Zona 2, San Diego e Petroleiro, fican cos usos menos atractivos. E advertiu contra o abuso das “actividades lucrativas”, como a introdución de grandes cruceiros sen ter en conta o seu impacto.
Apoio ao dereito á vivenda
Tamén resultou aprobada, co único voto en contra do PP, a nosa moción en defensa do Dereito á Vivenda, na que reclamamos que a prohibición dos desafiuzamentos e os cortes de luz e auga ata o 31 de decembro de 2022, así como unha urxente regulación dos alugueiros para pinchar a burbulla e que non pense só en Madrid e Barcelona.
O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, pediulle tamén “valentía e implicación á Xunta de Galicia, que reduciu nun 60% o investimento en vivenda pública desde 2009. E ao Concello da Coruña, para impulsar un Plan de Vivenda e un estudo serio da situación inmobiliaria na nosa cidade”.
Branqueo do cobro abusivo de dietas
Por desgraza, a terceira das nosas moción non tivo apoio, malia que reclamabamos que ningunha persoa que xa cobre un salariopcomo cargo público teña un sobresoldo no Concello por asistencia a plenos e comisións. A maioría da Corporación decidiu branquear situacións abusivas como a do portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, que cobra 60.000 euros anuais na Deputación e outros 50.000 en dietas. Eses 110.000 euros anuais son superiores ao que percibe o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez.
A nosa voceira, María García, lamentou que “haxa quen entende que a política se dignifica cobrando salarios inchados, en lugar de vivir de maneira semellante á da cidadanía que se representa, e tela sempre coma espello, coma norte e coma referencia”. Sinalou que estas dietas por asistencia están pensadas para concelleiras sen soldo público, como é o caso de Eva Martínez Acón.
Lembrou, igualmente, que as concelleiras da Marea Atlántica renunciaron a estas dietas e limitaron o salario a 35.000 euros anuais, dentro do noso Código Ético, e doamos o excedente para iniciativas como a Xanela de Proxectos, que financia ideas das entidades sociais da Coruña, e a Oficina dos Dereitos, coa que prestamos asesoramento gratuíto a persoas en situacións de vulnerabilidade.
Apoio ao cadro de persoal de Alu Ibérica.
Doutra banca, Iago Martínez e María García acompañaron aos traballadores da fábrica de aluminios da Coruña, que se manifestaron hoxe á porta do Pazo de María Pita en defensa do seu emprego. Pedimos un receso do Pleno para que todos os grupos puideran amosar apoio, pero á alcaldesa rexeitou facelo pese a que están en xogo máis de 400 postos de traballo directos.
Enviamos, igualmente, a nosa solidariedade e ánimo ao cadro de persoal da fábrica de Alúmina de San Cibrao, da que dependen máis de 5.000 empregos na comarca da Mariña, que estiveron na Coruña polo comezo do xuízo contra o ERTE fraudulento de Alcoa. Fronte á cobiza, a Marea Atlántica estará sempre en defensa dun futuro para a industria.