Saltar ao contido

As 115 parcelas das ecohortas sitúanse dentro da zona verde municipal prevista no plan urbanístico. Arrasalas para facer unha estrada, como está a considerar Inés Rey, sería un erro gravísimo

As hortas urbanas fomentan o ocio ao aire libre, a loita contra o cambio climatico, o consumo de proximidade e protexen o territoro: todo o que recomenda Europa

O grupo da Marea Atlántica insta ao goberno local a protexer as hortas urbanas da Agra do Orzan e a integralas dentro da zona verde prevista para o desenvolvemento do polígono de San Pedro de Visma. O goberno municipal está a estudar a posibilidade de arrasalas para construír a estrada de acceso ás futuras vivendas nesta zona, cuestión que non ten ningúnha explicación, xa que o solo no que localízanse as hortas é zona verde de propiedade municipal dende o ano 2011, e polo tanto público.  

A concelleira Claudia Delso visitou esta semana as ecohortas da Agra e reuniuse coa comunidade de persoas usuarias, para informalas da situación urbanística. Na actualidade, as hortas están situadas dentro do perímetro da zona verde prevista na ordenación de San Pedro de Visma, en terreos que son municipais desde 2011. “É falso que estea previsto un viario por enriba das parcelas, están en zona verde, polo que un goberno teoricamente progresista e comprometido co medio ambiente ten a obriga de protexelas”, explicou Delso.

Trátase de 115 parcelas públicas que non só reúnen unha comunidade viva e activa entre persoas de diferentes xeracións, senón que están situadas ao carón da Agra do Orzán, un dos barrios máis densos de Europa, con case 7.000 persoas por quilómetro cadrado, e cunha enorme carencia de espazos abertos. Son unha riqueza natural que non se pode sacrificar para meter máis cemento. Trasladalas a zonas menos densas privaría á Agra dun dos seus escasos espazos públicos abertos.

Un proxecto ecolóxico e na liña das esixencias de Europa

A nosa voceira, María García, responsable de Medio Ambiente no anterior mandato, lembra que “as ecohortas son unha experiencia moi positiva que está a empregarse en moitas cidades europeas, ofrecen unha alternativa de ocio saudable, fomentan o consumo de alimentos de proximidade, e axudan a loitar contra o cambio climático. Tamén promoven a saúde e a biodiversidade, e por iso están apoiadas con fondos da UE no programa Urbact III e na estratexia EIDUS. Renunciar a elas sería inxustificable”.

Lembremos que o mantemento e ampliación das hortas urbanas forma parte do acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE para a aprobación dos Orzamentos 2020, un acordo que inclúe a ampliación das parcelas da Agra, non a súa desaparición. 

O escaso apoio da Concellería de Medio Ambiente faise evidente no mal estado de conservación das hortas, con danos que teñen que reparar as propias persoas usuarias ante o desinterese do goberno local. Do mesmo xeito, as quince parcelas xa listas no Parque de Oza agardan pola súa apertura desde hai ano e medio, como xa temos denunciado

Instamos ao goberno local a protexer as hortas urbanas da Agra ao estar situadas en solo público de zona verde