Levan máis dun ano baleiras e o seu deterioro comeza a ser grave. Hai persoas en lista de agarda, pero a concelleira de Medio Ambiente prefire mantelas pechadas

A conservación e ampliación das hortas urbanas forma parte dos acordos para os Orzamentos 2020. Outro punto que o PSOE está a incumprir

As quince hortas urbanas do parque de Oza levan máis dun ano listas para usarse, pero a Concellería de Medio Ambiente prefire mantelas pechadas e deteriorándose ainda que a demanda veciñal é grande. Desde a Marea Atlántica instamos ao goberno municipal a outorgalas canto antes e a manter o modelo de hortas urbanas que fixo da Coruña unha referencia. 

As parcelas do parque de Oza están listas para adxudicarse desde xuño de 2019. Completáronse no anterior mandato, froito dunha proposta dos Orzamentos Participativos, e o proceso de asignación de parcelas formou parte do traspaso de poderes. Desde aquela, o único que avanzou nestes espazos foi o deterioro, polo tempo sen uso e o vandalismo. 

As hortas urbanas son espazos de lecer e de biodiversidade, producen alimentos de quilómetro cero para o autoabastecemento. E, por estar ao aire libre e permitir doadamente a distancia social, son axeitadas para o seu uso durante a emerxencia sanitaria. Por iso urximos ao executivo local a abrir canto antes as parcelas do parque de Oza e acelerar a súa concesión á veciñanza.

A Coruña conta con máis de 200 ecohortas, 115 parcelas na Agra do Orzán, 77 en Eirís, 29 en Novo Mesoiro e tres no parque Carlos Casares, as que poderían sumarse de inmediato as quince de Oza. Tamén compre lembrar que son un proxecto integrado na rede europea Urbact, xunto a cidades como Vilnius, Cracovia, Tesalónica, Caen e Loures. Crean comunidade, ofrecen unha actividade de lecer saudable e axudan a naturalizar a cidade e enfrontar a crise climática.

O mantemento e ampliación das hortas urbanas forma parte do acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE para a aprobación dos Orzamentos 2020, incluíndo a ampliación na Agra e do parque Carlos Casares, en Monte Alto, e a creación de novas parcelas en Palavea. Para realizar estas proxectos, o Concello contan con fondos da estratexia europea EIDUS, conseguidos no anterior mandato.

hortas urbanas Oza
Hortas urbanas Oza