Saltar ao contido

Procuraremos a unanimidade de todos os grupos para trasladar o pésame polo falecemento de Unai Martínez tras un accidente laboral na refinería de Repsol, esixir que se investiguen as causas da súa morte, e reclamar maior seguridade nas instalacións de Repsol

O grupo da Marea Atlántica proponlle ao conxunto da Corporación Municipal comezar o vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o 7 de abril, cunha declaración institucional de pésame pola morte de Unai Martínez, traballador que perdeu a vida esta semana nun accidente laboral na refinería de Repsol.

Neste texto, que agardamos que reciba o apoio de todos os grupos políticos, tamén se insta a Repsol e as súas empresas auxiliares a reforzar as medidas de seguridade para evitar na medida do posible os sinistros laborais nas instalacións.E a investigar as causas do accidente que o sábado 26 de marzo afectou a Unai Martínez e Óscar Feal, empregados da subcontrata Nervión Industries.

Tres días despois, o martes 26 de marzo, Unai faleceu como consecuencia do sinistro. A situación levou a un paro temporal apoiado polos sindicatos, e a unha marcha multitudinaria o pasado 1 de abril, entre as instalacións de Repsol e a Delegación do Goberno. O obxectivo era o mesmo que trasladamos na nosa proposta de declaración: reclamar maiores medidas de seguridade e pedir que se investigue o accidente que lle custou a vida a Unai Martínez.

Consecuencias do accidente

Despois dunha semana de protestas, Repsol aceptou todas as reclamacións do cadro de persoal, entre as que se inclúen medidas de seguridade como a presenza dunha ambulancia medicalizada as 24 horas do día, que non se atopaba presente no momento do accidente, así como resolver a investigación para coñecer as causas do accidente coa maior brevidade posible.

A refinería de Repsol, inaugurada en 1964, é un dos centros de traballo industrial máis importantes de Galicia, con máis de 650 empregos directo e polo menos un milleiro de indirectos, repartidos en varias subcontratas que se encargan, sobre todo, de labores de mantemento dos equipos, reparacións, inspección e limpeza. Que este traballo poida realizarse en condicións seguras debería ser de interese xeral.

Proñoñemos unha homenaxe a Unai Martínez no Pleno do Concello da Coruña