Saltar ao contido

Tal e como nos foi solicitado por diversas plataformas cidadás, procuramos o consenso de todos os grupos políticos para denunciar os abusos bancarios, o aumento das comisións, o peche de oficinas e a fenda dixital

A Marea Atlántica vén de trasladarlles a todos os grupos políticos da Corporación Municipal da Coruña unha proposta de Declaración Institucional contra os abusos da banca e a exclusión financeira. A nosa voceira, María García, sinala que “é o momento de denunciar, dun xeito unánime, as comisións disparatadas, o peche de oficinas, e a fenda dixital que se incrementa cada día e que está a deixar a moitas persoas sen acceso a servizos bancarios básicos”.

Damos este paso recollendo as demandas de colectivos como o Grupo de Xubilados e Pensionistas de Cigarreiras e Tabaqueiros, a Asociación Provincial Coruñesa de Xubilados e Pensionistas en Acción, as asociacións veciñais de Novo Mesoiro e O Castrillón, ou o espazo dixital O Novo Normal. E, como explica María García, “escollemos a vía da declaración institucional, que procura o consenso de todos os grupos, porque  así nos foi solicitado por varias das plataformas coas que nos reunimos nas últimas semanas”. 

Así, denunciamos que a banca recorta servizos, reduce horarios de atención e pecha sucursais: en setembro de 2021 había en Galicia 1.096 oficinas bancarias abertas, a menor cifra desde 1974 segundo o  INE. E faino nun ano no que os sector bateu marcas de beneficios, pechando 2021 con máis de 20.000 millóns de euros, un 49% máis que en 2019. A maior cifra desde o ano 2017.

As plataformas de maiores que nos contactaron amosan tamén a súa preocupación ante a precarización e perda do emprego bancario, que cifran en  750 postos de traballo menos en Galicia, froito de EREs e ERTEs, feito este directamente ligado á falta de atención presencial. Na Coruña xa hai barrios, como o Castrillón, Novo Mesoiro e Feáns, que non teñen sucursais bancarias abertas. 

O domingo 3 de abril, concentración por unha banca para todxs

Ante estes abusos, a comunidade dixital O Novo Normal convocou una protesta “por unha banca para todxs” para mañá, día 3 de abril, ás 12.00 na praza de Pontevedra. Como símbolo, recollen o caso de Mary, unha veciña de Monte Alto, que viu como o seu banco multiplicaba as comisións e recortaba os servizos sen avisar. 

Desde a Marea Atlántica queremos apoiar esta convocatoria e convidamos a toda a veciñanza da Coruña a participar.

A Marea Atlántica propón unha declaración institucional no Pleno contra a exclusión financeira da banca