Saltar ao contido

Negar a violencia de xénero, como fixo o novo presidente do PP, vai contra a legalidade internacional de dereitos humanos e afonda no discurso da extrema dereita

A Marea Atlántica rexistrou unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, este xoves 7 de abril, na que se reafirma que a denominada violencia vicaria, aquela que procura causarlle dano á muller a través da agresión contra fillas e fillos, é unha forma de violencia machista, perfectamente definida e perseguida por leis de todo rango. Deste xeito, procuraremos o apoio maioritario da Corporación para denunciar e rexeitar o intento do PP e o seu novo socio, Vox, para rebaixar a súa gravidade ocultándoa baixo o termo de “violencia intrafamiliar”. 

Tal e como sinala a concelleira Silvia Caméan, “eliminar as agresións contra as mulleres é un reto no que toda a sociedade debe involucrarse. As violencias machistas toman moitas formas, —económica, psicolóxica, física, obstétrica, vicaria, etc.— e negalo é outra forma de violencia contra a metade da poboación”,

Na súa campaña para chegar a presidir o PP, Alberto Núñez Feijóo declarou publicamente que “a violencia vicaria non é violencia machista”, indo contra a lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que el mesmo aprobou en xullo de 2021. Tamén aparece así recollida no Pacto de Estado sobre Violencia de Xénero

Nun sentido moi similar, o conselleiro de Sanidade de Andalucía, Jesús Aguirre, defendeu o termo de “violencia intrafamiliar” en vez do de “violencia machista”, coincidindo co pacto entre o seu partido e a ultradereita para formar goberno en Castela e León. Nesta comunidade, eliminarase a lei de violencia de xénero para substituíla por outra, máis retrógrada, denominada “de violencia familiar”.

En ambos casos, son declaracións que van contra o ordenamento xurídico internacional de dereitos humanos e respaldan o discurso negacionista de grupos políticos de extrema dereita. Por iso só poden contestarse cun rotundo e frontal rexeitamento, como agardamos que faga o Pleno.

Reafirmaremos no Pleno que a violencia vicaria é violencia machista, fronte ás declaracións de Alberto Núñez Feijóo