Tras sete meses sen avances, hoxe reuniuse por primeira vez a comisión de traballo bilateral para mudar o regulamento das EIM e reforzar o seu carácter de ensino público

Trátase dunha proposta da Marea Atlántica que forma parte dos acordos para o primeiro ano de mandato e non se limitará ao cambio tarifario 

A Marea Atlántica urxe ao goberno a iniciar canto antes a modificación do regulamento das escolas infantís municipais (EIM), para que sexan gratuítas a partir do próximo curso, en cumprimento do pacto asinado en xullo para o primeiro ano de mandato. E unha oportunidade para levar máis alá o modelo de ensino de 0 a 3 anos e integralo plenamente no ensino público.

“Despois de sete meses sen avances neste punto, e para facilitar o traballo, hoxe constituímos unha comisión de traballo bilateral para mudar o regulamento das EIM, con propostas para melloralas coa gratuidade, mellores condicións laborais, formación en valores e melloras na xestión”, sinalou a voceira municipal da Marea Atlántica, María García. No encontro participaron a propia García; o vicevoceiro, Iago Martínez; e a concelleira Silvia Cameán; xunto a José Manuel Lage, Jesús Celemín e Gonzalo Castro, por parte do goberno, que foron acompañados de dúas técnicas.

Como lembrou Silvia Cameán tras a xuntanza, “a gratuidade das escolas infantís municipais é unha proposta da Marea Atlántica, que foi a primeira forza política que propuxo a gratuidade do ensino infantil, por iso está recolida tanto no noso programa electoral, como nos acordos de xullo para o inicio do mandato e no pacto para aprobar os Orzamentos 2020”. O goberno municipal non fixo, polo de agora, ningún avance para aprobala, algo que debería cambiar hoxe mesmo se queremos chegar a tempo para matrícula do curso 2020-2021.

Superar o vello modelo das ‘garderías’

A nosa proposta recolle as demandas de sindicatos e traballadoras, e significaría superar o modelo de ‘garderías’ para recoñecer o carácter das escolas infantís como centros educativos de pleno dereito, apostamos pola introdución de valores como a igualdade ou a protección ambiental. De igual xeito, apostamos por primar ás rendas mais baixas á hora de repartir as prazas dispoñibles.

Tamén é necesario que a normativa fixe o galego como lingua vehicular do ensino, protexendo a nosa fala, e de incorporar a ensinanza en inglés sen afectar aos postos de traballo actuais, superando o modelo elitista que pretendeu implantar o PP.

Outra vía de mellora ten que darse nos comedores das escolas infantís, favorecendo a alimentación saudable xa desde os primeiros anos de vida, e empregando produtos de proximidade, en lugar de recorrer a cáterings e menús precociñados.

Finalmente, é o momento de introducir cláusulas para garantir que o profesorado das EIM teña unhas condicións de traballo dignas, acordes cos convenios colectivos, e de abrir á porta a que o Concello xestione de forma directa as EIM, ou a cargo de entidades sen ánimo de lucro, en lugar de facelo a través de empresas como ata o de agora.