O ámbito das murallas, catalogado como Ben de Interés Cultural, fixouse en 1944, pero quedou pequeno segundo os últimos estudos arqueolóxicos. Amplialo suspendería as licenzas de construción no Campo da Estrada
O goberno de Xulio Ferreiro pediulle á Dirección Xeral de Patrimonio que estude esta modificación, pero aínda non recibiu unha resposta oficial
O grupo municipal da Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia que lle dea resposta á solicitude formulada polo goberno de Xulio Ferreiro e amplíe o ámbito de protección das murallas históricas da Coruña ata o Campo da Estrada. Deste xeito, sería posible suspender a construción na zona da Maestranza e impedir que se levanten torres de vivendas nas parcelas vendidas polo Ministerio de Defensa por 12 millóns de euros, segundo se fixo público durante a fin de semana.
Ante o silencio do goberno municipal do PSOE, que asegura estar tramitando xa as licenzas para os compradores de dous terreos ata hai pouco propiedade do Estado, reclamamos a protección patrimonial da zona. As antigas murallas da Coruña son un Ben de Interese Cultural desde 1944, pero a zona protexida quedou pequena á luz dos máis recentes estudos arqueolóxicos. Baixo o Campo da Estrada existen xacementos que hai que protexer, e a Dirección de Patrimonio da Xunta debería traballar neste sentido.
Así llo solicitou o Concello da Coruña no anterior mandato, solicitude á que non houbo máis resposta que unhas declaracións na prensa. Se Patrimonio cumpre coa súa obriga, o inicio dos estudos para amplicar o ámbito BIC suporía automaticamente a suspensión do outorgamento de licenzas na zona da Maestranza.
Apoiaremos todas as mobilizacións veciñais
Se institucións coma o Ministerio de Defensa teiman en comportarse coma unha inmobiliaria e escollen facer caixa cos terreos da súa propiedade, en lugar de atender ás demandas da cidadanía para facelos públicos, a nosa obriga é respostar. Por iso apoiaremos todas as mobilizacións convocadas desde os movementos veciñais e organizacións cidadás como a Comisión Aberta en Defensa do Común.
Nunha cidade con 18.000 vivendas baleiras, vender solo para facer pisos non é o que se espera das institucións públicas que deberan coidar do interese xeral. Pregúntamonos que fixo Inés Rey para evitalo, xa que presume de liña directa coa Moncloa.
Insistimos en que o novo goberno do Estado ten moitas contas pendentes que resolver coa Coruña, e a especulación inmobiliaria non é unha delas. Mellor farían en ocuparse da Intermodal, a humanización da Avenida de Alfonso Molina, a pasarela de Pedralonga, as melloras en Alvedro, o saneamento da Ría do Burgo, a Cidade das TIC, as melloras nos ferrocarís de proximidade, as conexións do Porto Exterior, ou condonar a débeda da Autoridade Portuaria, entre outras tarefas con anos de atraso.