Os deputados do Grupo Común da Esquerda, Xan Xove e Antón Sánchez, presentaron hoxe unha Proposición Non de Lei que pide tamén a constitución dun consorcio para a xestión dos peiraos, e a conexión ferroviaria de Punta Langosteira
María García e Xiao Varela, concelleiras da Marea Atlántica, lembraron que a recuperación dos terreos da Solana que é posible unha xestión pública da fachada marítima
O Grupo Común da Esquerda presentará no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei (PNL) na procura do apoio maioritario da cámara para reclamar a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña, tal e como se fixo na Coruña. Os deputados Xan Xove e Antón Sánchez compareceron hoxe xunto a María García, voceira municipal da Marea Atlántica, e o concelleiro Xiao Varela para presentar esta iniciativa que se debaterá no Hórreo.
María Garcia explicou que “o momento de condonar a débeda é agora, porque o ano que vén comezan a … Lembrou que o goberno do Estado xa aceptou condonar a débeda do Porto de Valencia, derivada de eventos como a Fórmula 1 e a Copa América.
Para a nosa voceira, “o caso de Valencia amosa que é posible facelo, é amosa unhas prioridades curiosas, ao perdonar antes unha débeda baseada nos grandes actos propagandísticos do PP que unha derivada de construír un porto exterior, obra de interese xeral”. “Como reclamamos desde o primeiro momento, on é aceptable ter que vender a cidade para financiar as obras do Porto Exterior en Punta Langosteira”, concluíu García.
Un acordo pendente desde 2018
Pola súa banda, o deputado Xan Xove lembrou que o Parlamento de Galicia xa chegou a un acordo similar, en setembro de 2018 e con apoio unánime, ao igual que fixeron nesas datas o Concello e a Deputación da Coruña, pero “foron peticións ignoradas polo goberno do Estado”. Agora, coa entrada do novo executivo de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos, e co exemplo de Valencia sobre a mesa, “é o momento de recoller unha vez máis a demanda da cidadanía e rachar co plan que Paco Vázquez e Aznar deixaron deseñado en 2004, para facer caixa cos peiraos interiores da Coruña”. Son 450.000 metros cadrados, entre San Diego, Batería e Calvo Sotelo, que deben servir para abrir A Coruña ao mar e transformar a cidade.
Finalmente, Xiao Varela recordou que foi no anterior mandato, coa colaboración entre o goberno da Marea Atlántica e a mobilización cidadá, cando mudou o sentido común sobre o uso dos peiraos interiores. “Puxemos en marcha desde o Concello un concurso de ideas que amosa que hai mellores destinos para os peiraos que o casino inmobiliario, que se poden manter os usos produtivos e os espazos abertos, creando un Distrito do Mar”. E como exemplo de que e posible facelo, lembrou que a semana pasada o Pleno de María Pita deulle á volta á operación deseñada polo PP para vender os terreos da Solana, que agora están blindados como solo público, “como nunca deberon deixar de selo”.
Consorcio para o futuro dos peiraos
A PNL reclama tamén a creación dun consorcio público para a xestión dos peiraos interiores da Coruña, e a que o Estado financie a imprescindible conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira, fundamental para a súa viabilidade. Sen ela, será imposible trasladar toda a actividade portuaria á darsena exterior e liberar as instalacións portuarias no centro da cidade. Só garantindo a sustentabilidade económica da Autoridade Portuaria, con usos produtivos, non con manobras de especulación inmobiliaria, haberá un futuro sólido para o bordo litoral da Coruña, como motor económico e como espazo público.