Saltar ao contido

Queda desmontada a campaña de difamación e mentiras do PP e os seus altofalantes: co goberno Marea Atlántica, a corrupción quedou fóra do Concello da Coruña.

 

Impúxose a realidade. A Fiscalía anunciou hoxe que, despois de investigar a fondo o concurso municipal de compra de vivenda para fins sociais, non atopou ningún indicio de delito. A denuncia do PP, que tentaba atribuírnos as prácticas de corrupción tan ben coñecidas nese partido, foi arquivada no lugar que lle corresponde. O de obras de ficción, coas novelas negras. Coas malas novelas negras.

Como dixemos desde o primeiro momento, o que existiu arredor deste concurso de vivenda pública foi unha campaña de mentiras e difamacións, impulsada polo PP, amplificada por La Voz de Galicia e repetida irresponsablemente desde outros grupos da oposición. Enchéronse portadas, buzóns e paredes con denuncias que a Fiscalía revela inequivocamente como falsas. Agardamos que agora as rectificacións e as desculpas teñan o mesmo tamaño e potencia que as difamacións.

Apaguen a máquina de enlamar

A oposición mencionou este asunto en todos os plenos municipais desde febreiro de 2018. Mesmo nos dous plenos extraordinarios convocados polo PP coa súa maioría suficiente, completamente monográficos. Imprimiron folletos, fixeron centos de publicacións nas redes sociais, levárono a todos os foros e debates políticos. E agora que? Non o farán, pero deberían desculparse.

Queda ferida de morte a única estratexia electoral do Partido Popular na Coruña: demostrar que todo o mundo é igual de corrupto ca eles. Non teñen proxecto para a cidade, non teñen nada que ofrecer agás sobres en B e condenas xudiciais. Pero sinalan, perseguen, difaman e insinúan a diario, para ver se algo queda. Pero non, non somos iguais.

Erros que están a ser corrixidos

Nesta compra de vivendas houbo erros, que xa recoñecemos e que foron sinalados polos ditames do Consello Consultivo (1) (2). Foron detectados e o goberno municipal está xa a dar os pasos para corrixilos. Oxalá os responsables de Someso ou o edificio Fenosa tiveran actuado igual cos seus erros en lugar de hipotecar o patrimonio do Concello da Coruña.

Pero os erros non son prevaricación, desviación de poder, discrecionalidade, amiguismo ou calquera outra das acusacións que o PP fixo tan alegremente. Coñéceas ben porque as practica todos os días. Nós non. Nin Xiao Varela, nin Alberto Lema, nin ningún cargo político interviu de ningún xeito no proceso técnico e independente de valoración e compra dos pisos. Xa o dixera no seu momento o propio persoal funcionario, nun comunicado defendendo o seu traballo e negando que existiran inxerencias políticas. Un xesto tan honesto como pouco habitual, que non podemos deixar de agradecer.

A Fiscalía enterra a denuncia do PP polo concurso de compra de vivenda pública