Saltar ao contido

Os erros no procedemento, detectados pola Asesoría Xurídica, foron de carácter técnico, non ético nin político. A aposta pola vivenda digna non vai mudar.

O proceso levouse e lévase coa máxima transparencia e o goberno municipal está a revisalo por iniciativa propia. Lonxe quedan os tempos dos rexistros xudiciais en María Pita.

 

O concurso de compra de vivenda para fin sociais organizado polo Concello da Coruña será revisado polo Consello Consultivo, a petición do goberno e atendendo tamén a solicitude do Pleno. A revisión da Asesoría Xurídica municipal atopou erros técnicos no procedemento, diferentes dos sinalados polo PP na súa desmedida campaña en contra das políticas públicas de vivenda. Coa máxima transparencia, como sempre se levou este asunto, o goberno local deixa en mans do Consultivo o ditame vinculante.

Os concelleiros responsables do concurso, Xiao Varela, á fronte da área de Rexeneración Urbana, e Alberto Lema, quen asinou a compra como responsable de Contratación, teñen todo o apoio da Marea Atlántica e do goberno municipal, como sinalou o alcalde, Xulio Ferreiro ante os medios de comunicación. Puido haber erros técnicos, pero o proceso foi impecable desde o punto de vista ético e político, sen inxerencias no traballo do persoal funcionario e da comisión de valoración. O propio equipo de funcionarios responsables da valoración dos pisos recoñeceuno nun escrito que fixo público hai semanas.

Cómpre lembrar que os datos do concurso de vivenda non saíron dunha filtración nin dun sumario xudicial. Desde o comezo foron publicados polo Concello, que respondeu a todas as solicitudes de información tanto da prensa como dos grupos da oposición.

 

Destas políticas, estes erros

Equivócase quen fai cousas. Cando a política dun goberno é impulsar o ladrillo a calquera prezo, xorden casos como Someso ou o Conde de Fenosa, con grave dano patrimonial para o concello, xa real e efectivo no primeiro caso, probable no segundo. Cando toda a túa política urbanística baséase en furar a terra a tempo para unhas eleccións, tes erros como as filtracións no túnel da Mariña. E, no caso deste goberno municipal, cando apostas por unha política innovadora como é a compra de vivendas, adquiridas por baixo do prezo de mercado, para cedelas en alugueiro social a persoas en risco de pobreza, tes erros como os que describimos neste texto.

Só queda asumir a responsabilidade de emendar os erros para  mellorar e retomar as políticas de vivenda digna, corrixir as bases do concurso para evitar que se repitan os problemas, e seguir adiante para facer da Coruña unha cidade mellor. Coa ética e a transparencia por diante.

No concurso de compra de vivenda para fins sociais, todo o apoio ao traballo de Xiao Varela e Alberto Lema