Saltar ao contido

Pechouse un camiño que nunca foi doado, pero buscaremos outros para que o edificio pase a ser de propiedade municipal, un trámite imprescindible para asumir as obras que o antigo penal precisa.

O camiño que o goberno municipal abriu en novembro de 2016 para recuperar o antigo cárcere da Torre esgotou o seu percorrido. Lamentablemente, o Concello non renovou o convenio asinado daquela coa Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP) do Estado para ceder por dous anos a titularidade do edificio a cambio de asumir as obras de rehabilitación. O estado do edificio era moito peor do previsto. Pero non nos rendemos, buscaremos outras vías.

No momento de asinar o convenio, os informes técnicos que falaban do deterioro do edificio facían pensar que sería posible adecualo cun investimento moderado, contrarrestando o deterioro, mentres se loitaba pola cesión definitiva. Non foi así. Unha vez dentro, a realidade superou as peores previsións. Décadas de abandono deixaron unha factura terrible no antigo penal, que vai precisar de moito traballo e moitos cartos para recuperarse.

Sen ser propietario do edificio, ou sen telo cedido por un tempo longo, a lei impídelle ao Concello financiar unhas obras de custo tan elevado como as que precisa o cárcere para superar o abandono. Un abandono deliberado e planeado, que ningún goberno ata do de agora fixo nada para solucionar.

 

As dificultades do diálogo

Nos meses previos, o goberno local tentou conseguir que a SIEP lle cedese a titularidade do cárcere, ben de xeito definitivo, ben por un período longo. Pero só atopou negativas. Se non pode ser a través do diálogo, terá que ser pola vía xudicial, que xa está aberta, para que o Concello recupere a titularidade do edificio que lle cedeu ao Estado a comezos do século XX, pero que leva décadas sen uso.

A estes problemas súmase o bloqueo de Patrimonio da Xunta, que se negou a autorizar actividades socioculturais no edificio, ao tempo que se opuxo a instalar unha rampla para facilitar a súa accesibilidade. Por mor desta decisión, o edificio xa permanecía sen uso desde o 22 de decembro.

O Partido Popular e os seus altofalantes están a centrar os seus ataques na recuperación do cárcere, contra o goberno da Coruña, desde a oposición no Concello e desde a Xunta, contra os movementos sociais e contra un modelo de xestión do patrimonio que non pasa por facer caixa coa especulación, senón por poñelo en mans da veciñanza. Por desgraza, tivemos que dar un paso atrás, pero será só para tomar impulso.

Non nos rendemos no camiño para recuperar o cárcere