O goberno local debe habilitar puntos de acceso a internet nos centros cívicos, con persoal de apoio, para axudar ás persoas sen acceso a internet a realizar trámites e formalas no uso das ferramentas dixitais
As medidas fronte á pandemia, que reducen o contacto persoal, tamén dificultan que as persoas máis vulnerables accedan a servizos públicos e dereitos sociais
A fenda dixital estase a converter nun problema moi serio para o acceso aos servizos municipais, debido ás restricións do contacto persoal necesarias para afrontar a pandemia de COVID19. É un problema que afecta sobre todo ás persoas maiores e con menos recursos, as que teñen problemas para acceder a dispositivos conectados a internet e carecen de formación tecnolóxica para o seu uso. Deste xeito, non teñen acceso a citas telemáticas nin poden solicitar documentos vitais.
Por iso, desde o grupo municipal da Marea Atlántica reclamamos medidas para garantir que toda a veciñanza ten acceso aos servizos públicos do Concello e pode exercer os seus dereitos. Como primeiro paso, o goberno debería crear puntos wifi nos centros cívicos dos barrios, atendidos por persoal de apoio. Así, as persoas que o precisen poderían solicitar cita para realizar trámites e recibir formación no uso das ferramentas dixitais, como as plataformas de videochamadas. É unha proposta sinxela e que lle facilitaría a vida a moita xente.
Sen acceso a internet, non é posible obter documentación como os certificados da Seguridade Social de non percibir prestacións, ou os certificados negativos do SEPE, imprescindibles para acceder a axudas como a Risga ou a Renda Social Municipal. Sen elas, hai persoas que quedan nun total desamparo.
Meses ignorando o problema
A concelleira Silvia Cameán sinala que “levamos meses advertindo da situación, do indefensas que están as persoas sen acceso a internet ou sen coñecementos para empregalo, ás que se lle dificulta a utilización de servizos públicos e o acceso a determinados documentos, pero o goberno local non fixo nada ata agora”. Na última sesión da Comisión Informativa de Benestar Social, celebrada o 22 de outubro, trasladouse esta preocupación. E a única resposta do executivo foi que “se habilitaron dúas extensións telefónicas para dar citas”, o que vén sendo moi parecido a non facer nada.
Desde a Marea Atlántica vimos de rexistrar, ademais, preguntas escritas para coñecer os plans de Inés Rey fronte á fenda dixital e se ten pensado tomar algunha medida real a curto prazo. É urxente.