Tras coñecerse que o porto de Castellón terá financiamento para a conexión ferroviaria que se lle nega ao Porto Exterior da Coruña, súmase un novo agravio a unha lista xa moi longa
María García: “Se Inés Rey non quere falar dos Orzamentos do Estado, podemos facelo desde a oposición. Urxe que A Coruña reclame con voz unánime os investimentos que se lle deben”
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, fixo hoxe un chamamento aos demais grupos da oposición na Coruña, o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego, para convocar conxuntamente un Pleno Extraordinario no que analizar o proxecto de Orzamentos do Estado, rotundamente malo para a cidade e a súa área. “Se Inés Rey non quere facelo, como sería a súa obriga, podemos convocar un Pleno Extraordinario desde a oposición. Urxe que A Coruña faga escoitar as súas demandas cunha voz unánime, para que na Moncloa teñan que escoitala”, sinalou a concelleira.
García renovou este chamamento tras coñecerse onte que o porto de Castellón recibirá 140 millóns de euros para a súa conexión ferroviaria mentres o porto exterior de Punta Langosteira leva exactamente cero euros para a mesma fin. Un agravio comparativo que se suma á condonación da débeda portuaria de Valencia (400 millóns de euros xurdidos da Copa América e a Fórmula 1) mentres a Autoridade Portuaria da Coruña ten que asumir a súa nunhas cotas imposibles (300 millóns froito das obras do Porto Exterior, declaradas de interese xeral).
Sen a condunación da débeda e a conexión de Punta Langosteira con tren, será imposible liberar os peiraos interiores para a cidade, privando á Coruña dun moi necesario espazo público. “A Corporación municipal, a Deputación da Coruña e o Parlamento de Galicia teñen expresado, por unanimidade, que os convenios asinados en 2004 para especular no bordo litoral teñen que anularse, pero iso é imposible sen o compromiso do Estado”, argumenta María García.
Un Pleno Extraordinario pendente desde o 1 de outubro
A convocatoria dun Pleno Extraordinario sobre os Orzamentos do Estado foi aprobada o 1 de outubro pola maioría da Corporación, a raíz dunha moción da Marea Atlántica. Desde aquela, Inés Rey enterrou o asunto, a pesar que que María García volveullo reclamar por carta a semana pasada. É urxente se queremos chegar a tempo para as emendas en trámite parlamentario.
Como xa valoramos, as contas presentadas polo Goberno do Estado esquecen boa parte dos compromisos pendentes desde hai anos ou décadas: non hai mellora do ferrocarril de proximidade; non hai investimento na Avenida de Alfonso Molina, nin partidas claras para a Intermodal ou a pasarela de Pedralonga… Unha demostración de que ese teléfono vermello con Madrid que prometera Inés Rey está sempre fóra de cobertura.
Nestes momentos de crise económica, o reforzo de infraestruturas esenciais é dobremente importante, pero o Estado volve ignorar á área metropolitana máis dinámica de Galicia. Como advirte a nosa voceira, “o desleixo da Moncloa hipoteca á Coruña e o seu futuro desenvolvemento”.