Saltar ao contido
 Descarga o noso xornal XX23

Quedan poucas semanas para que se abran de novo as urnas na Coruña. As do 28 de maio serán unhas eleccións especiais. Xogámonos moito. En plena emerxencia climática, nun mundo revolto ecrispado por unha dereita cada vez máis extrema, logo dunha pandemia que nos cambiou a vida, coa inflación a comernos os ingresos e a vivenda imposible, temos que escoller con serenidade que cidade queremos para a próxima década.

Por iso, esta vez, a cousa non vai de siglas nin de experimentos de última hora. Non se trata de inventar a pólvora por enésima vez nin de
mirar atrás na procura dun paraíso perdido. Imos escoller como queremos que sexa A Coruña no futuro e a quen lle encomendamos a tarefa de encamiñarnos con decisión cara a ese horizonte. Se apostamos, ou non, por unha cidade xusta, verde, feminista e democrática. Ese é o desafío que temos entre mans. Nada menos.

Moitas das persoas que en 2019 confiaron en Inés Rey e decidiron darlle outra oportunidade ao PSOE de Paco Vázquez con outra cara están hoxe decepcionadas. Nós, na Marea Atlántica, tamén. E hai algunhas razóns que seguramente compartimos, votásemos o que votásemos, para explicar ese sentimento e o seu contrario: o desexo de abrir unha nova etapa que percibimos barrio a barrio, en cada conversa.
En política, a mellor maneira de decepcionar é apartarse do que a veciñanza expresa nas urnas. A maioría dos coruñeses e as coruñesas progresistas votaron hai catro anos para que houbese na cidade un goberno plural. Por iso lle deron a maioría absoluta, non a uns ou a outros, senón á suma de dúas forzas políticas, o PSOE e Marea Atlántica.

Esa vontade popular frustrouse. Foi unha decisión irresponsable de Inés Rey, empeñada en mandar en minoría e seguramente mal asesorada, a que nos privou dun goberno forte e fiel aos resultados electorais. A cambio, tivemos nos últimos catro anos o executivo máis pequeno da nosa historia democrática. Un equipo, enriba, que mingou máis durante o mandato e chega esfarelado, exhausto,
ao final do camiño.

Ao goberno de Xulio Ferreiro non lle deron nin cen días de graza. Ao de Inés Rey, polo contrario, fixéronselle longos catro anos. Tívoo todo a favor, incluída a oposición responsable da Marea Atlántica, que puxo o ben común por diante dos seus lexítimos intereses como forza política. Pero este PSOE non foi quen de cumprir nin sequera as súas propias promesas. Nin as grandes nin as pequenas. Nin transbordador a Inglaterra nin carril bus en Juan Flórez. Unha cousa é predicar e outra dar trigo. Falar sempre é máis descansado que facer.

Estes son os ingredientes da decepción: empezar dándolle as costas ao que a xente vota e acabar dedicándolle máis tempo ás fotos que ao traballo. Con ese cóctel, o raro era obter resultados distintos dos que temos. Por iso as cousas van ter que cambiar o 28 de maio. Esta cidade precisa dun goberno honesto e que se arremangue.

Na Marea Atlántica, a plataforma cidadá da Coruña na que conflúen diversos partidos con vocación transformadora, de Anova a Verdes – Equo, saímos a por todas. Coas ganas do primeiro día e a experiencia de oito anos no goberno e na oposición. Sen tutelas, só nos debemos á Coruña. Cun proxecto sólido e un candidato, Xan Xove, que suma a lexitimidade dunhas primarias coas forza dun equipo diverso, capaz e comprometido que se nutre da vitalidade da nosa sociedade civil.

Quedan poucas semanas e non imos parar. Contigo, a marea que levou a Xulio Ferreiro á alcaldía en 2015 pode volver ser decisiva a partir
do 28 de maio.

Partidos hai moitos, pero Marea Atlántica só hai unha. Súmate.


O artigo que acabas de ler forma parte do XX23, o Xornal da Marea Atlántica.
Para ler o resto das páxinas, podes facelo premendo na seguinte galería de fotos ou descargando a versión pdf neste link XX23 – Nº1

 

 

EN MAIO VOLVEMOS