O ex-alcalde pechará a lista electoral e amósase “orgulloso de participar na campaña que levará á Marea Atlántica de volta ao goberno da Coruña cun excelente candidato”
Xulio Ferreiro, ex alcalde da Coruña e decano da facultade de Dereito da UDC, anuncia hoxe que se suma á candidatura da Marea Atlántica. Pechará a lista electoral nas vindeiras eleccións do 28 de maio para apoiar a Xan Xove. “Xan é un excelente candidato, que lidera un equipo plural, comprometido e coa valentía necesaria para facer os cambios que esta cidade precisa para o seu futuro. E que non pararon de traballar desde que foron escollidos en primarias, reuníndose con ducias de colectivos. Por iso únome, con orgullo, á campaña que vai levar á Marea Atlántica de volta ao goberno da cidade ”, declarou.
Ferreiro pechará a lista da Marea Atlántica, que foi medrando xa nos últimos días coa incorporación de referentes de diversos sectores sociais. Así, o noso candidato á Alcaldía, Xan Xove, amosouse “moi agradecido de que Xulio, o mellor alcalde que tivo esta cidade, acepte dar o paso de acompañarnos para seguir construíndo esa Coruña solidaria, inconformista e xenerosa na que nos recoñecemos. Para min, persoalmente, e para todas as persoas que formamos este equipo, é unha honra telo con nós”
“Se eu fun alcalde, foi grazas a persoas como Xan, xente de confianza, humilde, xenerosa e intelixente que se comprometeron cun modelo de cidade e traballaron moi duro para facelo real. A Marea sempre foi un proxecto de moitas mans e moitas cabezas, creado desde o colectivo e sen pensar nos beneficios persoais. Por iso agora quero darlles as grazas e sumarme ao traballo desta campaña, poñéndome á súa disposición”, explica Xulio Ferreiro.
“Un excelente candidato á alcalde”
O ex-alcalde lembrou que Xan Xove e el coincidiron no encontro na Ribeira do Cómaro, en xullo de 2014, que marcou o nacemento da Marea Atlántica como proxecto político. “Coñecín a Xan alí, e cando colleu o micro preguntei quen era. Pensei que sería un excelente candidato á alcalde, e o único no que me equivoquei foi no ano. Non me estraña nada que tivera o apoio maioritario da organización nas primarias que celebramos en novembro”.