Saltar ao contido

A asistencia no fogar para dependentes, a canguraxe, as escolas infantís municipais e novos servizos poden xestionarse a través dun organismo 100% público

“Temos que darlle mellor cobertura ao que durante a pandemia definimos como ‘servizos esenciais’, pero que logo son os primeiros en sufrir recortes e precariede”, sinala o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña

Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, comprométese a traballar para o impulso dunha Empresa Municipal de Coidados para xestionar desde o público algo tan importante coma a atención de necesidades básicas para a vida. Este novo organismo serviría para integrar servizos coma a asistencia no fogar a persoas dependentes ou a canguraxe, e para crear outros novos en resposta a novas necesidades da veciñanza, sempre atendendo á creación de emprego local e de calidade. 

Xunto á concelleira Silvia Cameán mantivo estes días unha xuntanza con traballadoras do Servizo de Asistencia no Fogar que prestan servizo nunha das subcontratas do Concello, entre elas a tamén integrante da nosa lista electoral, Cristina Antelo, a quen lles trasladou esta proposta de crear unha empresa pública de coidados. “É o camiño para darlle mellor cobertura ao que durante a pandemia definimos como ‘servizos esenciais’, pero que logo adoitan ser os primeiros en sufrir recortes e malas condicións laborais, que se traducen en peor atención á xente”, explica o candidato. 

Actualmente, o Concello presta estes servizos a través de contratos con empresas privadas, nos que teñen moito peso os criterios económicos, e que adoitan rematar en mans de grandes grupos empresariais especializados en explotar servizos públicos, non en prestalos con calidade e respecto polos dereitos laborais dos seus cadros de persoal. Fan valer a súa maior envergadura para copar os concursos públicos. 

A creación dunha empresa pública de coidados ten como obxectivo darlle un impulso a estes servizos fundamentais co fin de mellorar a súa calidade e as condicións laborais das traballadoras, gañando ademais capacidade de adaptación aos novos retos demográficos e un maior compromiso co desenvolvemento da economía local.

Unha estrutura semellante á de Emalcsa ou Emvsa

A estrutura desta nova sociedade seguiría o exemplo das que xa existen no Concello, como Emalcsa, que se ocupa con enorme solvencia da xestión da auga, ou Emvsa, que adopta tamén un modelo multiservizos. Tería un capital 100% público e un Consello de Administración no que participen todos os grupos municipais, garantindo así a súa capacidade de fiscalización e control. 

O sector dos coidados dá emprego maioritariamente a mulleres e, por desgraza, atópase fortemente precarizado, como elas mesmas están a denunciar en numerosas mobilizacións. Salarios baixos, horas extra non recoñecidas, desprazamentos non pagados… condicións laborais nas que non pode prestarse dignamente un servizo esencial.

“Desde o Concello da Coruña temos a capacidade de mudar a situación, e farémolo a partir de maio, coa Marea Atlántica de volta do goberno. Sen coidados non hai vida, e vai sendo hora de que as institucións actúen para poñer en practica o que tan duramente aprendemos na pandemia. É hora de centrar esforzos en poñer a vida no centro”, resume Xan Xove. 

Xan Xove comprométese a crear unha Empresa Municipal de Coidados para mellorar a atención á veciñanza da Coruña