Saltar ao contido

Lamentamos  que PP e BNG votasen en contra das políticas de dereito á vivenda e da apertura do polideportivo do Castrillón 

Por fin se leva a cabo a ampliación de capital en EMVSA, que fará posible inaugurar o polideportivo polo que o Castrillón leva unha década agardando

A Marea Atlántica votou hoxe a favor do Programa Anual de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAAIF) da Empresa Municipal de Vivenda da Coruña (EMVSA), que inclúe melloras nas políticas de dereito á vivenda e ampliación de capital necesaria para inaugurar, por fin, o novo polideportivo do Castrillón. Son medidas beneficiosas para toda a cidade e que forman parte do acordo entre o noso grupo e o goberno local para a aprobación dos Orzamentos 2022, e que puideron ser aprobadas grazas ao voto da Marea Atlántica. Agora, instamos ao goberno local a cumprir o acordado e poñer en marcha estas novas medidas canto antes. 

Porén, PP e BNG escolleron votar en contra deste plan de actuacións, sen motivos claros e sen presentar unha soa emenda, exactamente igual que no caso dos Orzamentos 2022 do Concello. Coa súa decisión, e na situación actual do goberno local cun concelleiro menos, foi necesario o voto de calidade da alcaldesa para sacar adiante o PAAIF. É difícil de entender que, no actual contexto de crise, alguén poña en risco o reforzo de políticas públicas que melloran a vida da veciñanza. 

A bolsa de alugueiro social aumenta un 30%

os seus fondos

Entre elas, a ampliación da bolsa de vivendas en aluguer social, que incrementa os seus fondos nun 30% e ampliará o seu alcance máis alá das persoas con extrema vulnerabilidade social, para chegar tamén a maiores e mocidade. Un paso para conseguir que EMVSA comece a actuar coma unha verdadeira empresa municipal de vivenda. 

Forma parte do acordo que fai posible que os Orzamentos 2022 inclúan xa este ano máis de 9 millóns de euros en políticas polo dereito á vivenda: compra de terreos e inmobles para vivenda digna, aumento das axudas á rehabilitación e posta en marcha dun Plan Municipal polo Dereito á Vivenda, entre outras cuestións que o Concello da Coruña debe ter entre as súas prioridades. 

Polideportivo do Castrillón e Bicicoruña

Doutra banda, aprobouse unha ampliación de capital de 830.000 euros, necesaria para asumir, por fin, os últimos traballos necesarios para inaugurar o polideportivo do Castrillón. As instalacións, que o barrio agarda e reclama desde hai unha década, están rematadas hai tempo e á espera dos fondos necesarios para a contratación de persoal e a compra de material. Volvemos instar ao goberno local a acelerar os trámites e poñer canto antes este equipamento a disposición do barrio. 

Ademais, e tamén no marco do noso acordo orzamentario co PSdeG-PSOE, EMVSA reserva fondos para a renovación do servizo de Bicicoruña, coa implantación de bicicletas eléctricas. Un proxecto que, grazas ás xestións realizadas no pasado mandato, conta con financiamento da Unión Europea.

Votamos a favor das contas de EMVSA para 2022 e urximos ao goberno local a aplicar canto antes as novas medidas polo dereito á vivenda