Saltar ao contido
Cantones Village

Lamentamos que o goberno presente por sorpresa e sen debate un proxecto para destinar o Centro de Ocio dos Cantóns ao turismo de cruceiros

Alberto Lema: “Unha iniciativa desde calado, e que pode ter consecuencias non desexadas no pequeno comercio local, debería tratarse con maior debate e transparencia”

O Plan de Sustentabilidade do Consorcio de Turismo tamén se presentou hoxe con cambios de última hora cun importe reducido: de 5 a 3 millóns de euros

A Marea Atlántica lamenta que o goberno presentase hoxe, sen información nin debate previo, un proxecto para transformar o Centro de Ocio dos Cantóns nunha sorte de estación marítima vinculada ao turismo de cruceiros. Un proxecto que apareceu de súpeto para ser presentada polo Concello a unha convocatoria de subvencións do goberno do Estado.

Como sinalou o noso representantes no Consorcio de Turismo, Alberto Lema, “a proposta, dunhas dimensións moi complexas e que pode ter consecuencias non desexadas no pequeno comercio, trasladouse case por sorpresa, falando de crear un ‘punto cero’ para cruceiristas. Pero unha transformación destas características non pode facerse ás presas e sen unha reflexión seria”.

Resucitar con cartos públicos un centro comercial fracasado para facerlle a competencia ás tendas locais é unha opción que debería evitarse,  polo que lle pediremos ao executivo local que explique os detalles da súa proposta. 

Doutra banda, démoslle un apoio crítico ao Plan de Sustentabilidade 2023-2030, a pesar de que se presentou nunha versión recortada, dotado con 3 millóns de euros en lugar dos 5 previstos nun inicio, e con varios cambios de última hora. “É necesario renovar o plan tras a caducidade do anterior, pero temos que lamentar que non se nos entregase a versión definitiva ata esta mesma mañá, minutos antes de ter que votalo. O funcionamento improvisado comeza a ser unha constante”.