O gasto do partido amistoso da Selección Española en Riazor supera os 400.000 euros, dos que a maioría recaen na Concellería de Deportes
María García: “Un gasto desta magnitude resulta moi difícil de xustificar coa crise que temos enriba. Os cartos estarían mellor investidos no apoio ao deporte de base”
A Marea Atlántica critica a decisión de investir máis de 400.000 euros do orzamento municipal en financiar un único evento deportivo, o partido amistoso da Selección Española de Fútbol contra a de Islandia, que se celebrará esta tarde no estadio de Riazor. A maior parte desa cifra, 393.000 euros, recae na Concellería de Deportes e consume o 41,3% dos fondos previstos para a organización de eventos en todo o ano 2022 (un total de 950.000€). O resto, 29.100 euros, asúmeo o Consorcio de Turismo como gastos de manutención e aloxamento do equipo islandés.
“Consideramos que gastar máis de 400.000 euros nun día, nun único partido amistoso, é difícil de xustificar coa crise que temos enriba. Son fondos que serían moito máis útiles en actividades que apoien e fomenten os deporte de base, e beneficien aos clubs locais nun momento complicado”, argumenta a nosa voceira, María García.
A documentación achegada polo goberno local non ten en conta, tampouco, que retorno prevé ter do evento a través da publicidade, pero establécese que a recadación íntegra da venda de entradas será para a Federación Española de Fútbol. É moi dubidoso que o investimento municipal chegue a recuperarse.
Nun momento coma o actual, a organización de grandes eventos de elevadisimo custo non debería ser unha prioridade para o Concello da Coruña, e menos consumindo fondos que poderían servir para apoiar ao tecido asociativo local. Para amosar o noso desacordo, non asistiremos ao partido esta tarde en Riazor.