Xiao Varela: “Un problema no mandato anterior fixo que se aprobase a licenza de derrubo por silencio administrativo. Propoñemos unha vía de solución e ofrecemos os nosos votos para levala a cabo”
A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que leve a Pleno o próximo trámite de aprobación do catálogo de inmobles protexidos, que se atopa en trámite, para impedir o derrubo do antigo edificio Citröen. O concelleiro Xiao Varela, explica que “no mandato anterior chegamos tarde, por un problema de prazos durante a tramitación do catálogo, e iso fixo que se aprobase a licenza de derrubo por silencio administrativo. Recoñecémolo e propoñemos unha vía de solución, cos nosos votos sobre a mesa para aprobala”.
Tras a última sentenza do TSXG, esta solución pasa por aprobar canto antes a modificación do catálogo de edificios protexidos do PXOM, un trámite que se aprobou inicialmente a finais de 2018 e que segue pendente de aprobación definitiva. Deste xeito, existiría a posibilidade de paralizar o derrubo ao amparo do novo planeamento, alegando imposibilidade legal para a inexecución da sentenza. Tamén lembramos que a sentenza admite aínda recurso. Se o goberno municipal dá o paso, pode contar co noso apoio en todo o proceso.
A aprobación definitiva do catálogo serviría, ademais, para protexer outros valiosos inmobles como a capela de San Roque, no Campo da Leña, o Observatorio na Agra do Orzán, o edificio Pou, na zona centro, ou a sede histórica do Club do Mar de San Amaro, entre outros.
O edificio Citröen, construído en 1966 na Avenida de Oza co deseño de Andrés Fernández-Albalat, forma parte do patrimonio industrial da Coruña. Contaba con protección patrimonial ata que o goberno do PP lla retirou en 2013, con plena conciencia e abrindo a porta a que o propietario solicitase a licenza de derrubo. E, posteriormente, fixo todo o posible para dificultar a ampliación do catálogo de inmobles protexidos.
O goberno da Marea Atlántica enfrontouse a varios dos desastres urbanísticos das últimas décadas, como a especulación na Solana e o porto, ou o Conde de Fenosa. Por desgraza, non chegamos a tempo en todos os casos. Pero aínda non é tarde para protexer o edificio Citröen.