As peonalizacións parciais que se levaron a cabo no centro da cidade son, sen dúbida, positivas. Pero non consensualas coas veciñas e veciños leva a conflitos innecesarios
A desaparición de rendicións de contas do goberno, coma o Dillo Ti, deixa claro que a Inés Rey e ao seu goberno non lles gusta dar a cara ante a cidadanía
A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que escoite á veciñanza e as asociacións que a representan antes de acometer transformacións de mobilidade ou urbanísticas na Coruña. Ao contrario do que se facía no mandato anterior, as queixas por actuar de constas á veciñanza son constantes co goberno do Partido Socialista.
Deste xeito, tras reunirse con residentes da rúa Emilia Pardo Bazán e representantes da asociación comercial Distrito Picasso, o grupo municipal da Marea Atlántica puido constatar que a retirada do tráfico rodado desta vía fíxose por sorpresa e sen contar para nada con quen vive e traballa nela a diario. Sendo positiva a peonalización, sen lugar a dúbidas, non consensuala coa veciñanza foi unha oportunidade perdida para dar mellor resposta as súas necesidades.
Como exemplo e lonxe das fotos, o goberno de Xulio Ferreiro deixou listo un proxecto para peonalizar a rúa Pintor Joaquín Vaamonde, deseñado tras un diálogo coa cidadanía. Segue agardando a que o equipo de Inés Rey teña a ben executalo.
Este xeito de actúar contrasta co que se fixo no mandato anterior en iniciativas como a peonalización da Cidade Vella, que deu lugar a unha Mesa Cidadá agora totalmente abandonada, a reforma da rúa da Torre ou o derrubo do viaduto da Rolda de Nelle.
A desaparición dos actos de rendición de contas do goberno ante a veciñanza, coma os Dillo Ti, deixa claro que a Inés Rey e ao seu goberno non lles gusta dar a cara nin ter contacto directo coa xente. Pero solicitámoslles que fagan un esforzo polo menos cando se trata de proxectos que teñen un impacto directo e real na vida da xente da Coruña.