Saltar ao contido
Pista aterrizaxe alvedro

Volvemos reclamar a comparecencia de Inés Rey para dar explicacións sobre o incumprimento do convenio con Vueling e a constante perda de voos e frecuencias

Tras bater todas as marcas históricas de voos en 2019, o aeroporto atópase hoxe nunha situación crítica que se iniciou antes da pandemia, e ante a que o goberno non reacciona

A Marea Atlántica preguntará no próximo Pleno, no mes de outubro, polo traballo que realizou o goberno municipal da Coruña para tentar previr a crise de Alvedro, cada día máis grave, e polas medidas que pensa tomar para axudar a contela. Despois de bater marcas en 2019, con máis de 1,2 millóns de viaxes, o aeroporto está a perder compañías, destinos e frecuencias de xeito constante. “A alcaldesa ten que dar explicacións, non pode quedar man sobre man mentres Alvedro perde un 75% das persoas usuarias con respecto ao ano pasado”, sinala a nosa voceira municipal, María García.

Resulta especialmente grave que a empresa Vueling, despois de asinar un convenio de 900.000 euros co Concello da Coruña (contra as nosas advertencias), estea a reducir de xeito sistemático os seus servizos. Primeiro foi o seu voo a Málaga, xa a finais de 2019, logo as conexións con Valencia e Londres, sendo esta unha das rutas fundamentais en Alvedro. Hai que sumarlle a desaparición progresiva de frecuencias a Madrid e Barcelona, e con ela, do avión que tiña base na Coruña e xeraba 30 postos de traballo directo. E, ademais, a marcha de Volotea e a súa ruta a Bilbao, a pesar de ser das máis utilizadas nos últimos meses e ter cheo ata o seu último voo. O aeroporto hai tempo que non recibe boas noticias. 

O concelleiro Alberto Lema, resume a situación nunha “incapacidade manifesta do goberno do PSOE para xestionar o aeroporto, que non é só unha infraestrutura turística, senón un motor económico para a área metropolitana. Estamos ante un desastre sen paliativos”. O Comité de Empresa de Alvedro xa advertiu que será difícil regresar a situación anterior e que hai, polo menos 700 empregos directos e indirectos en xogo. E mentres tanto, o Concello da Coruña só ofrece escusas.

Que pensa facer o goberno do PSOE para conter a crise de Alvedro?