Levaremos ao Pleno a petición, que parte da directiva da propia institución e sería unha merecida homenaxe ao ateneo cultural máis antigo de Galicia
Froito do acordo coa Marea Atlántica, o goberno local asinou un convenio de 26.000 euros para a catalogación da biblioteca do Circo de Artesáns
O grupo municipal da Marea Atlántica quere sumarse á iniciativa impulsada pola directiva do Circo de Artesáns da Coruña para dedicarlle unha rúa ou praza a esta entidade, que celebra este ano o seu 175 aniversario. Trátase do ateneo cultural máis antigo de Galicia, aínda en activo, e cun enorme patrimonio ao seu cargo, polo que merece sobradamente esta homenaxe e así o trasladaremos no vindeiro Pleno do Concello, a través dun rogo.
O Circo de Artesáns naceu o 19 de marzo de 1847. Desde entón, non cesou de organizar actividades, con espírito tolerante, ilustrado e republicano, nas que participaron milleiros de coruñeses e coruñesas. Nel déronse cita algunhas das figuras máis relevantes do pensamento, a arte e a política coruñesa, como Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Santiago Casares Quiroga ou o médico Roberto Novoa Santos. Tamén Alfredo Suárez Ferrín, o alcalde republicano asasinado polos golpistas en agosto de 1936, foi socio.
Por todo isto, consideramos que é de xustiza honrar ao Circo de Artesáns da Coruña cun espazo no rueiro da cidade.
Conservación do patrimonio bibliográfico
Doutra banda, lembramos que o Circo de Artesáns está a traballar na correcta catalogación da súa biblioteca e hemeroteca, na que se gardan importantes testemuños da historia coruñesa, e que conta con máis de 15.000 volumes. É posible grazas a que no acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local para os Orzamentos 2022 inclúese un convenio de 26.000 euros para financiar este labor.