No Pleno provincial, presentaremos unha moción que tamén expresa a nosa solidariedade coas afectadas pola terrible vaga de lumes deste verán
Alberto Lema: “a Xunta teima en ignorar as razóns de fondo dos lumes, e nin sequera executa os seus propios plans de prevención”
O grupo provincial da Marea Atlántica defenderá o vindeiro venres, 9 de setembro, no Pleno da Deputación, unha iniciativa para expresar a nosa solidariedade con todas as persoas afectadas pola vaga de lumes deste verán, que en 45 días arrasou máis de 43.000 hectáreas, e para instar á Xunta de Galicia a aprobar un plan sectorial para o monte galego, como medida para evitar que esta situación se reproduza cada ano.
Dito plan sectorial debería deseñarse en colaboración con sindicatos agrarios, comunidades de montes, universidades e outros axentes sociais implicados. E debería contemplar medidas de ordenación, planificación e custodia do territorio, coa fin de previr incendios, procurar aproveitamentos mixtos que combinen usos forestais e gandeiros, e promover a plantación de especies vexetais autóctonas, máis resistentes ao lume que o monocultivo de eucalipto que a Xunta leva décadas a fomentar.
O noso voceiro provincial, Alberto Lema, lembra que “vimos de sufrir os dous maiores incendios documentados da historia galega, os do Courel e Valdeorras, con terribles consecuencias humanas e ambientais. Pero a Xunta teima en ignorar o impacto da emerxencia climática e as razóns de fondo dos lumes, e nin sequera executa os seus propios plans de prevención”.
Sen preparación fronte ás novas condicións climáticas
Non podemos esquecer que o de 2022 foi o mes de xullo máis caloroso desde que existen rexistros, segundo a Axencia Estatal de Metereoloxía, sumándose ademais unha seca persistente. Circunstancias anómalas que serán cada vez máis correntes por mor do cambio climático, e que deberían levar a toda as institucións a prepararse. Pero a Xunta non o fai.
A Plataforma por un Monte Galego con Futuro, formada por medio cento de colectivos, vén de denunciar ao goberno da Xunta ante a Fiscalía e a Valedora do Pobo pola súa inacción fronte á vaga de lumes, e piden o esclarecemento de responsabilidades penais. Lembran que o plan de prevención de incendios anunciado por Feijóo en maio de 2022, na súa campaña publicitaria antes de marchar a Madrid, ten a gran maioría dos seus 180 millóns de euros sen executar.
No curto prazo, as brigadas seguiron a traballar en precario, sen medios técnicos e materiais, e cun persoal baixo mínimos, facendo moi difícil a súa loita contra o lume. As consecuencias son ben coñecidas: poboación desprazada, danos irreparables e espazos de grande importancia ecolóxica calcinados sen remedio.
Na provincia da Coruña, arderon 2.200 hectáreas nestes 45 días de vaga de incendios, máis superficie que en todo o ano 2020. Producíronse desaloxos temporais de poboación, a evacuación do cámping da Ría de Arousa, con 700 persoas afectadas, e focos próximos ás cidades, coma o ocorrido na Zapateira e Elviña, en zonas sen rozar debidamente.