Saltar ao contido
Claudia Delso, na foto oficial da candidatura da Marea Atlántica en 2019

Foi Concelleira de Participación e Innovación Democrática no mandato de Xulio Ferreiro, e responsable de grandes avances dando voz á veciñanza na gobernanza do Concello

A concelleira Claudia Delso, integrante do Grupo Municipal da Marea Atlántica no presente mandato e responsable da Concellería de Participación e Innovación Democrática entre 2015 e 2019, comunicou hoxe a súa vontade de renunciar á súa acta e iniciar unha nova etapa profesional, na que lle desexamos a mellor das sortes. Deste xeito, o Pleno do vindeiro 8 de setembro será o último no que participe como membro da Corporación.

Desde o Grupo Municipal e desde o conxunto da Marea Atlántica, lamentamos fondamente a súa marcha, e queremos trasladarlle a Claudia Delso o noso respecto e agradecemento polos seus anos de compromiso con este proxecto político. Co seu traballo, contribuíu a poñer en marcha políticas que significaron novos dereitos cidadáns e abriron as portas do Concello á veciñanza.

Desde o goberno de Xulio Ferreiro, Delso impulsou medidas coma os Orzamentos Participativos que seguen vixentes e permitiron á veciñanza propoñer e apoiar gran cantidade de proxectos positivos para a cidade. A concelleira deu a cara polo intento de recuperación do cárcere, chegando a ser xulgada inxustamente por unha denuncia política do PP que foi, como era previsible, arquivada.

Na súa etapa creáronse o Escano Cidadán no Pleno, os encontros Dillo Ti (tristemente desaparecidos neste mandato) ou os espazos TEU no Faro de Oza e en Novo Mesoiro. Impulsáronse tamén varios procesos participativos, desde o debate sobre o futuro do porto en Tecendo Litoral, o Espazo Xuvenil da Sagrada Familia ou o deseño dos futuros usos das Naves do Metrosidero, entre outras moitas.

E desde a oposición, continuou a traballar no fomento das políticas de Participación e tamén na Área de Deportes, desde a que realizou unha firme defensa pola xestión pública e polos dereitos laborais das empresas que traballan para o concello, coma no caso das conserxerías das instalacións deportivas ou no polideportivo de San Diego, entre outros.

Moitas grazas, Claudia. As loitas e os avances que compartimos polo ben da Coruña son e serán sempre motivo de orgullo.

A Marea Atlántica lamenta a marcha de Claudia Delso, e trasládalle o seu agradecemento por sete anos de traballo polo ben da Coruña