Saltar ao contido

O texto, impulsado pola Rede Cidadá de Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí, foille trasladado a todos os grupos municipais, para levalo ao Pleno do 3 de decembro

Este venres 27 de novembro, Alberto Lema defenderá a proposta como moción, que será debatida no Pleno da Deputación Provincial da Coruña

A Marea Atlántica vén de trasladar a todos os grupos municipais unha proposta de Declaración Institucional para amosar o apoio unánime do Concello da Coruña ao pobo Saharauí, despois de que o pasado 13 de novembro o exército marroquí rompese o alto ao fogo asinado con Rabat en 1991, realizando un ataque no paso fronteirizo de Guerguerat. O texto parte da Rede Cidadá Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí (CIAPS). Agardamos que conte con apoio unánime no Pleno do 3 de decembro.

A proposta tamén estará presente no Pleno da Deputación da Coruña, mañá venres 27 de novembro, onde o noso voceiro provincial Alberto Lema vaina defender como moción. O texto denuncia o ataque de Marrocos, que  remata de xeito infame cun alto o fogo de preto de 30 anos e faise eco do chamamento do secretario xeral da Fronte Polisaria e presidente da República Árabe Democrática Saharauí, Brahim Ghali, quen apela “ás Nacións Unidas, a todos os Estados e aos pobos amantes da Paz, da xustiza e da igualdade, para que apoien o pobo saharauí e o acompañen na loita contra a agresión marroquí, que non respecta os seus compromisos e viola os principios e valores comunmente compartidos”. 

A Declaración Institucional detalla a estreita vinculación da Coruña e Galicia “por ser cidade de acollida na que se asentan diversas entidades que traballan directa ou indirectamente co pobo saharauí, coma Solidariedade Galega co Pobo Saharauí ou a ONGD Aire. E na que moitas familias participan no programa Vacacións en Paz, proxecto que este ano non puido levarse a cabo por mor da situación derivada da pandemia.”

Proposta de acordos unánimes

A declaración da Rede CIAPS, que trasladamos  desde a Marea Atlántica insta a toda a Corporación a pedirlle ao goberno do Estado unha representación para a organización do referendo no Sáhara —ao abeiro das numerosa resolucións da ONU sobre o conflito— a condena explícita das accións do exército marroquí, o incremento da cooperación e o recoñecemento da súa responsabilidade histórica nun territorio que foi colonia española ata hai poucas décadas.

Do mesmo xeito, o texto procura expresar a solidariedade co pobo saharauí, manter o compromiso coa defensa dos Dereitos Humanos e o cumprimento do dereito internacional, incrementar as políticas que favorezan o acollemento e a integración de persoas que se ven obrigadas a fuxir dos seus fogares a causa de abusos e situacións de risco ou guerra e colaborar  coas entidades que traballan nos lugares de conflito e que procuran mellorar a calidade de vida das persoas que están a padecer as súas consecuencias.

A Marea Atlántica propón unha Declaración Institucional de apoio ao pobo saharauí ante a agresión de Marrocos