Saltar ao contido

María García: “Inés Rey prometeu un mandato feminista, pero o que estamos a ver é un retroceso gravísimo en todas as políticas que teñen que ver coa igualdade”

O programa de fomento da igualdade no ensino, a Escola de Empoderamento Feminista e o Consello Municipal de Igualdade están completamente desaparecidos

A Marea Atlántica denuncia que, debido aos graves recortes do goberno municipal en políticas de Igualdade, o Centro de Información á Muller (CIM) ten lista de agarda de ata dous meses para vítimas da violencia machista. O CIM, cunha media de 900 usuarias, proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral ás mulleres, en especial ás que sufriron agresión ou acoso machista. Como di a nosa voceira, María García, “o CIM é un recurso fundamental, e fica abandonado polo PSOE desde hai 18 meses”.

 

 

A comezos de 2020, o Pleno aprobou unha moción da Marea Atlántica que instaba a crear un servizo de atención inmediata no CIM, para que os casos máis graves non tivesen que agardar. Estamos en novembro e non se fixo nada para cumprir con esta medida.

“Inés Rey prometeu, no seu discurso de investidura, que este sería un mandato feminista. Pero o que estamos a ver en realidade é un retroceso gravísimo na área de Igualdade. Este 25 de novembro, Día Internacional pola Erradicación das Violencias machistas, reclamamos que o compromiso feminista vaia máis aló dos discursos, e se traduza en políticas públicas reais que faciliten a vida de todas das mulleres”, explica a nosa voceira, María García.

Unha volta á época de Carlos Negreira

Acción do colectivo Tendalistas polo 25N de 2020
Acción do colectivo Tendalistas polo 25N de 2020. Foto: Sandra García Rey.

Una das primeiras decisións da alcaldesa foi desartellar a Concellería de Igualdade, relegándoa a un segundo plano, como xa se fixera no mandato de Carlos Negreira. E desde a súa toma de posesión, non so o CIM sufriu as consecuencias. Desde xuño de 2019, desapareceron os programas de promoción da igualdade  contra as violencias machistas no ensino, antes integrados en Coruña Educa. Sobre o seu futuro preguntaremos ao goberno municipal.

Tamén se desmantelou a Escola de Empoderamento Feminista, non se convocou nin unha soa vez o Consello Municipal de Igualdade para escoitar aos colectivos feministas, e incúmprese sistematicamente a Ordenanza Municipal de Igualdade.

Longa lista de acordos incumpridos

Entre os acordos que a Marea Atlántica e o PSOE asinaron ao comezo do mandato, tanto para a investidura de Inés Rey como para os Orzamentos 2020, atópanse varias medidas relacionadas coa Igualdade. Van 18 meses e aínda non se cumpriu a primeira.

Non se creou a Casa das Mulleres Marcela e Elisa para centralizar os servizos e recursos de Igualdade, pese a que o Orzamento ten fondos para redactar o proxecto. Como tampouco se aproveitaron os 50.000 euros para continuar coa Escola de Empoderamento Feminista, que no mandato anterior ofreceu formación e conferencias de figuras como Silvia Federicci.

Outro incumprimento é a creación do Observatorio de Igualdade na Coruña, desaproveitando 432.000 euros de fondos europeos FEDER conseguidos pola Marea Atlántica. E, en materia de conciliación e coidados, segue pendente o reforzo do servizo de canguraxe, o novo contrato do Servizo de Axuda a Domicilio e o impulso dun programa de lavandería para persoas maiores. Está moi claro que a Igualdade non é prioritaria para o goberno do PSOE.

Vítimas de violencia machista agardan ata dous meses para ser atendidas no Centro de Información á Muller da Coruña